Negreira acolle o programa Infonadal 2025

Negreira acolle o programa Infonadal 2025

O vindeiro 30 de decembro o Concello de Negreira contará cunha das xornadas do programa Infonadal 2025, iniciativa da Xunta de Galicia orientada a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal mediante actividades de lecer educativo dirixidas á infancia.

 

A actividade desenvolverase no marco do programa do campamento do “Nadal Lúdico” e terá lugar no Centro Sociocultural Afonso Eanes de Negreira, contando cun total de 20 nenos e nenas participantes e coa atención dunha técnica especializada.

 

A programación da xornada estrutúrase en dúas sesións adaptadas aos distintos grupos de idade e inclúe obradoiros creativos e manuais, xogos cooperativos, dinámicas de animación, actividades de expresión artística, psicomotricidade e xogos tradicionais. Todas elas están deseñadas para fomentar a participación activa, a convivencia, a creatividade e o uso educativo do tempo libre durante o período non lectivo.

 

Desde o Concello de Negreira destácase a importancia deste tipo de iniciativas, que permiten ofrecer ás familias recursos de calidade durante as vacacións escolares, ao tempo que se promove un lecer saudable e adaptado ás necesidades da infancia, en colaboración coa Xunta de Galicia.