Negreira acolle a mostra «Castelao grafista»

Expo

O Concello de Negreira, ABANCA e Afundación, a súa Obra Social, inauguraron esta mañá no hall do Centro Sociocultural a mostra «Castelao grafista (facsímile)», que poderá visitarse ata o 8 de maio, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Ao acto asistiron o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez; o coordinador institucional de ABANCA na Coruña, José Manuel Vilariño; representantes da entidade financeira; e responsables da Área de Cultura de Afundación.

A exposición compónse de pezas que ofrecen unha escolma rigorosa da obra gráfica de Castelao, mostrando a evolución do seu compromiso ético, social e político, así como a súa mestría plástica e a súa fonda vinculación coa ilustración. A mostra percorre desde as súas colaboracións en publicacións como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega ata obras tan significativas como Cousas da vida e os álbums de guerra Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos.

Entre as pezas expostas atópanse facsímiles, debuxos, caricaturas, retratos fotográficos e portadas de revistas, nun percorrido que pon en valor a dimensión artística e humana dun dos grandes referentes da cultura galega.