Matrícula pechada na Escola de Música
A Escola Municipal de Música que dirixe Raúl Martín Niñerola pechou a súa matrícula para o curso 2025/26 que comeza o próximo mércores, día 1 de outubro, nas dependencias da escola na última planta do Centro Sociocultural. En total son 106 alumnos e alumnas matriculadas, sendo moi compensada a matrícula por instrumentos, tal e como sinala o seu director.
A presentación do curso realizarase o venres 26 de setembro, ás 18:00 horas no auditorio Afonso Eanes do Cotón, asignándose os horarios de instrumentos. Con respecto aos anteriores cursos, a Escola Municipal de Música presenta certas novidades: «Cambiamos a metodoloxía de linguaxe musical. Utilizamos a metodoloxía de I-MUSI que incorpora o libro físico, libro dixital e a plataforma interactiva», segundo subraia Raúl Martín que engade «é unha metodoloxía moi progresiva e intuitiva que agardamos guste ao noso alumnado e ás familias», declarou.
Por último, hai cambios en canto ás audicións musicais durante o curso: haberá dúas no Nadal e outras dúas ao final do curso; e antes das vacacións de Semana Santa celebrarase a Semana Musical.