Inscricións no Campamento Urbano Respira
O Concello de Negreira abre desde este martes, 26 de maio, e ata o 1 de xuño, o prazo de inscrición para o seu campamento de verán, o Campamento Urbano Respira, que se desenvolverá nas instalacións do CEIP O Coto e está dirixido a familias con menores de 4 a 12 anos. As prazas son limitadas.
O campamento levará a cabo actividades de coidado, ocio e tempo libre e atención lúdico-educativa durante as vacacións de verán, desde o remate do curso escolar ata o inicio do seguinte curso.
Desenvolverase en 6 quendas durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, e serán as seguintes:
- 1ª quenda: Desde o remate do curso escolar ata o 30 de xuño.
- 2ª quenda: Desde o 1 ao 15 de xullo.
- 3ª quenda: Desde o 16 ao 31 de xullo.
- 4ª quenda: Desde o 1 ao 15 de agosto.
- 5ª quenda: Desde o 16 ao 31 de agosto.
- 6ª quenda: Desde o 1 de setembro ata o comezo do curso escolar.
Os requisitos de acceso ao servizo son:
- Familias empadroadas no Concello de Negreira.
- Familias nas que ambos proxenitores ou titores legais estean traballando ou en situación de busca activa de emprego ou formación laboral.
A solicitude de admisión será tramitada PREFERIBLEMENTE na sede electrónica (24 h) ou no Rexistro do Concello (de 9:00 a 14:00 h), xunto coa documentación complementaria, que será a seguinte:
- Modelo normalizado de ficha de inscrición.
- Libro de familia, sentenza ou resolución administrativa que acredite a relación xurídica entre ambos proxenitores.
- Xustificante da situación de emprego (certificado de empresa, pagamento do último recibo de autónomos e, no caso de desempregados, certificado de demandante de emprego).
- Xustificante da necesidade do servizo por incompatibilidade horaria (certificado de empresa que acredite o horario laboral, certificado de demandante de emprego xunto co xustificante de realizar unha busca activa de emprego e xustificante de asistencia a accións oficiais de formación para o emprego coincidentes co horario de desenvolvemento dos programas ofertados na presente ordenanza).
O persoal técnico responsable do servizo, unha vez analizadas e aceptadas as solicitudes, publicará unha listaxe provisional para requirir a documentación complementaria ou adicional que se precise.
No caso de que as solicitudes superen o número de prazas ofertadas, e todas cumpran previamente os criterios sinalados, realizarase unha selección das familias por orde de inscrición.
Para a adxudicación das prazas terase en conta a orde dos seguintes criterios:
- 1º criterio.- Familias que acheguen informe social que indique a necesidade do servizo en base a circunstancias socioeconómicas e familiares.
- 2º criterio.- Familias con fillas/os de mulleres vítimas da violencia de xénero (con acreditación).
- 3º criterio.- Familias monoparentais (con acreditación).
- 4º criterio.- Familias con menores en réxime de acollida (con acreditación).
- 5º criterio.- Familias numerosas (con acreditación).
- 6º criterio.- Familias nas que os proxenitores ou algún deles teñan acreditado un grao de dependencia III, debendo acreditar dita circunstancia cun informe de Servizos Sociais que indique a necesidade do servizo.
- 7º criterio.- Familias nas que algún/ha dos/das proxenitores/as desenvolva o seu posto de traballo como empregado/a público/a na Administración local do Concello de Negreira.
As tarifas dos prezos públicos aparecen recollidas na Ordenanza reguladora do prezo público do Programa Concilia 2026 do Concello de Negreira (BOP do 21 de maio de 2026, núm. 94) e serán as seguintes:
CAMPAMENTO RESPIRA: 1,00 € por hora.
- 1ª quenda, 6 días: 42 €
- 2ª quenda, 10 días: 70 €
- 3ª quenda, 12 días: 84 €
- 4ª quenda, 10 días: 70 €
- 5ª quenda, 11 días: 77 €
- 6ª quenda, 6 días (ata o 8 de setembro): 42 €
As reducións na cota serán as seguintes:
a) Redución por causas sociais acreditadas mediante informe social do departamento de Servizos Sociais.
b) Redución por irmáns: cando asistan ao mesmo servizo varios irmáns de xeito simultáneo, o segundo irmán e sucesivos terán un desconto do 50 %.
A obriga de pagamento dos prezos regulados nace desde que se inicie a prestación dos distintos servizos. O usuario deberá facer o pagamento ao Concello unha vez admitido no servizo correspondente.