Formación para acreditarse dixitalmente

portatil

O Concello pon en marcha unha nova proposta formativa para a veciñanza de Negreira que consiste nun curso destinado a mellorar as competencias dixitais da cidadanía no uso de dispositivos móbiles. Baixo o título: "Acreditación dixital e sedes electrónicas", esta formación ten como obxectivo ensinar aos participantes como obter e utilizar certificacións dixitais e diferentes plataformas de administración electrónica.

O programa abordará temas fundamentais como a obtención do certificado dixital, o uso da chave365 e das distintas variantes do sistema Cl@ve, así como as súas diferenzas. Ademais, trataranse aspectos relacionados coa banca electrónica e o uso de sedes electrónicas de diversas administracións, como o Concello, a Axencia Tributaria, a Seguridade Social, o Sergas, a Xunta ou a DXT.

O curso terá unha duración total de 10 horas e desenvolverase no Telecentro do Centro Sociocultural de Negreira. As sesións serán impartidas os xoves ou venres, en horario de 17:00 a 19:00 horas. O custo da formación é de 15 euros.

As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través da Delegación de Cultura, chamando ao teléfono 676 454 879 ou enviando un correo electrónico a marcos.perez@concellodenegreira.es.