Fin de semana de Cristobaliño

cristobaliño

O Entroido de Verán do Cristobaliño volverá converter Negreira nunha gran festa cun programa de actividades que cada ano incorpora novas propostas e consolida outras xa tradicionais. Organizado pola Asociación Negreira Viva, este evento, xa é unha das citas máis destacadas do verán, reunindo a centos de persoas.


Mañá, sábado 25, a xornada comezará cunha das novidades deste ano: a Sesión Vermú, que contará coa actuación de Los Jinetes del Trópico e coa celebración do Nicravisión Júnior, un espazo no que os máis pequenos demostrarán o seu talento sobre o escenario.


Pola tarde chegará un dos momentos máis agardados coa Festa da Auga, no Campo da Feira, antes de dar paso ao desfile do Cristobaliño no seu tractor ata a Praza do Concello.


A continuación celebrarase unha nova edición do Nicravisión, o xa tradicional concurso de playbacks que premia as mellores actuacións e caracterizacións, antes dunha noite de concertos cun cartel de primeiro nivel.


O escenario do Cristobaliño contará coa actuación de Fuego Lolita, banda gañadora do certame de Novos Valores do Festigal 2026 e na que canta a negreiresa Lara López; dos noieses Monoulious DOP; e do mítico dúo Azúcar Moreno.


O peche da festa correrá a cargo do DJ Bacardit e do xalleiro Lg1do, artista revelación da música urbana galega.


Liñaio celebra a súa Festa da Zorza


Como alternativa para quen busque unha proposta máis tradicional, a parroquia de Liñaio acolle esta fin de semana a Festa da Zorza e os festexos na honra da Virxe das Dores.


O sábado, desde as 20.00 horas, haberá unha degustación de zorza con pan e viño do país, amenizada polo Dúo Explosión e coa actuación da cantante Adriana Vigo.


Xa o domingo celebraranse o día das Dores, coa misa solemne ás 12.30 horas, seguida da tradicional sesión vermú, que nesta edición estará amenizada pola Charanga Santa Compaña.