Bonos comercio local
O Concello de Negreira lanza o programa Bonos comercio local para dinamizar e reactivar a actividade económica, incentivando as compras de proximidade mediante bonos para consumo no comercio local.
Como funcionan os bonos?
Establécese unha única modalidade de bono cun valor de 10 € (IVE incluído) c/u. para compras de 20 € ou superiores. Cada cliente poderá solicitar ata 2 bonos de 10€ (IVE incluído) c/u; polo que só se poderá acumular un valor máximo de 20 € por persoa.
O importe de cada bono deberá consumirse nun único establecemento nas compras de bens ou de servizos que se realicen entre o 9 e o 31 de decembro de 2026, nos establecementos adheridos ao programa.
Quen pode adherirse ao programa?
Todos os establecementos comerciais, incluídos no Anexo 2 que teñan a súa actividade no municipio de Negreira.
Como se realizará o cobro dos bonos?
As persoas beneficiarias dos bonos pagarán as súas compras no establecemento cun bono desconto de 10 € (IVE incluído) c/u. para compras de 20 € ou superiores.
O comercio aplicaralle o desconto na compra e despois o comercio adherido achegará ao departamento de emprego os orixinais recibidos dos bonos xunto cos tíckets de compra ou factura de gasto correspondente.
En canto ao pagamento mediante a aplicación do desconto correspondente e abono das cantidades descontadas aos establecementos adheridos, terá lugar con carácter posterior á xustificación. O prazo para presentar os bonos para o procedemento de abono será do 4 ao 15 de xaneiro do 2027.
Cando finaliza o prazo para adherirse os establecementos?
O prazo de adhesión abrirá o 27 de novembro ata o 7 de decembro de 2026.
Material promocional da campaña
Unha vez rematado o prazo de adhesión á campaña, o día 7 de decembro publicarase unha listaxe dos establecementos adheridos onde se poden trocar os bonos do comercio local.
A partir deste día cada establecemento deberá colocar este material para poder informar ás persoas consumidoras que é un comercio adherido, así como as bases do programa e a urna onde se depositarán os tíckets – regalo para o Gran Sorteo do Comercio Local.
A partir do 4 de decembro cada establecemento comercial adherido pode vir a recoller o seu material promocional ao Departamento de Promoción Económica, na primeira planta da Casa do Concello.
Como poden os e as clientes solicitar os bonos?
A adquisición dos Bonos será de forma presencial no Auditorio vello da Casa de Cultura (Carreira de San Mauro, 11), dende o 9 de decembro (a partir das 09:00 horas) ata o 11 de decembro de 2026, ou ata o seu esgotamento.
Establécese un período preferente de adquisición de bonos para persoas empadroadas en Negreira, do día 9 ao 10 de decembro, e o día 11 de decembro para persoas que non están empadroadas.
Quen pode obter os bonos?
Calquera persoa pode beneficiarse do programa. Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Negreira, que serán as primeiras en acceder aos bonos comercio local, os días 9 e 10 de decembro ata o día 11 de decembro e o único requisito é ser maior de idade.
Ata cando son válidos os bonos?
O prazo de adquisición e consumo comeza o 9 de decembro e remata o 31 de decembro de 2026. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará. A caducidade do bono leva consigo a perda da totalidade do importe non consumido, sen poder instar a súa devolución. Así que non esquezas trocar os teus bonos antes de que finalice este prazo!
Como trocar os bonos?
No momento de pagar deberás presentar o teu bono. O importe de desconto de cada bono se descontará do importe da compra ou servizo para compras de 20 € o superiores e, o importe de cada bono deberá gastarse nun único establecemento adherido.
Onde se pode mercar cos bonos?
A listaxe de establecementos comerciais adheridos ao programa será publicada o dia 7 de decembro co seu nome e localización na web municipal, así como na sede electrónica do Concello de Negreira.
Todos lucirán no exterior carteis e adhesivos coa imaxe do programa para indicar que alí podes trocar os teus bonos.
Que ocorre en caso de devolución dos bens mercados?
No caso de que se produza unha devolución do produto, o establecemento deberá emitir un vale polo importe íntegro da compra, non sendo posible a devolución de diñeiro en efectivo.