ver mapa
Na parroquia de Gonte, ao Sueste do concello, está a igrexa de San Pedro de Gonte enmarcada na segunda metade do s. XII.
Componse dunha planta de nave rectangular con cabeceira cadrada dun tramo. Esta nave conserva os muros románicos da fachada Oeste, ata o arrinque do piñón.
Os muros Norte e Sur posúen dous contrafortes prismáticos e un contraforte no muro triunfal.
A capela maior, de fondo plano, ábrese ó muro triunfal por arco de medio punto dobrado sobre imposta que parte na inserción da nave coa cabeceira e se prolonga polos costados do presbisterio.
Os capiteis da Epístola (Sur) e do Evanxeo (Norte) son de cesta tronco-cónica con fitas e volutas na zona do ábaco. Presentan grosos colariños e fuste de tres tambores. A base destas columnas é ática, de dous boceis moi grosos, sen escocia e con bolas nas esquinas do plinto.
No seu interior hai columnas arrimadas, entregas, de fuste moi alto e capiteis vexetais que sosteñen unha imposta corrida da que arrinca os arcos, e quizais, os riles dunha bóveda de canón.
No exterior, a ábsida está perforada no muro de fondo por ventá abucinada, incluída nun típico esquema galego. Os muros Norte e Sur decóranse con pares de arcos cegos de medio punto.
No ano 1987 realizáronse unhas escavacións nos adros que permitiron recuperar varias doelas do rosetón da fachada, arquivoltas con ornamentación xeométrica e outras pezas románicas.
Unha serie de formas ornamentais anotadas en Portor acadan aquí maior profusión e perfección, dentro dun aparello, en xeral regular e bo.