A Feira do Románico é un dos maiores eventos que anualmente ofrece Negreira a súa veciñanza e visitantes, convertida nun referente festivo para a despedida do verán e enfocada á diversión das familias, cun gran mercado medieval con postos de artesanía e alimentación, ademais de talleres de oficios en vivo e un amplo programa de actividades de rúa como desfiles de malabares, músicos ou seres doutro tempo. A feira comeza o venres 30 de agosto ás 18:00 horas e o sábado 31 ás 12:00 horas terá lugar un desfile para a súa inauguración coas autoridades municipais.
A contorna do pazo do Cotón énchese de milleiros de persoas para pasar tres xornadas lúdicas, dende o venres 30 de agosto ao domingo día 1 de setembro, recuperando a presente edición o espectáculo de cetrería, con Falcóns Galicia, nun lugar idóneo como é a praza do Cotón. Tamén volve o concerto da noite do venres con The Duellists, o dúo de folk-rock formado pola violinista Sara Ember –compoñente do mítico grupo Ñu- e Samuel Antón á guitarra. Os viaxeiros da vila, os feiticeiros e as súas pócimas, o clan dos McGuapos, o circo de trapecio e os shows de malabares e equilibrios desbordarán as rúas do mercado. E na medianoite do sábado, o espectáculo pirotécnico sobre o pazo do Cotón, con Pirotecnia López.
Torneo medieval
Compre dicir que o sábado, día forte, aparte dos espectáculos itinerantes, ás nove haberá o combate de cabaleiros, no campo da feira. Entorno á medianoite igual que o venres e o domingo, volta á feira Rita de Miguel (Fire Dragóns), co considerado un dos mellores espectáculos de lume de Europa, nun emprazamento único como é a praza do Cotón. Ela será a encargada de pechar a feira este ano, a noite do domingo, cun desfile precedido da Escola de batucada Latexo Percusión. E non esquecemos un dos pratos fortes: o gran combate medieval (xustas a cabalo), con dous pases o domingo, ás 12:30 e ás 20:30 horas, na chaira xunto ao instituto Xulián Magariños, a cargo de Especialistas Hípica Celta, trala gran acollida da última edición dunha feira que conta cun espazo de lecer infantil na rúa do Carme. Tamén haberá postos de comida e bebida.
Consulta aquí o programa: