A directiva da Asociación de Amas de Casa de Negreira vén de facer un chamamento á doazón de alimentos e productos de hixiene persoal, dentro da campaña solidaria do Nadal en Negreira, axuda que seralles entregada aos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira para o seu reparto entre as familias que máis o precisen no noso concello.

Logo de ter detectado un importante descenso na contribución solidaria de axuda, Soledad de la Fuente, a súa presidenta, facía un chamamento porque despois de recoller 4.500 quilos de alimentos o pasado ano, agora failles falta de todo.

A axuda pódese depositar nos carros habilitados en tódolos supermercados de Negreira, ou póndose en contacto coa asociación, que os martes e os xoves pola tarde, atenden ao público en xeral, no local que teñen no edificio municipal do antigo instituto, na rúa de Castelao.

Este ano non contaron finalmente coa colaboración do Colexio do Coto, a través das entregas das familias, nin tampouco coa Asociación de Empresarios. Sí, polo contra, colaboran outras firmas como a cooperativa Feiraco coa entrega de leite, e mesmo carnicería Suso, que nestes días vai facer entrega de douscentos quilos de carne fresca para as persoas maiores e familias con nenos e, que así poidan ter un produto de primeira calidade nas ceas e comidas do Nadal, segundo explicou Soledad de la Fuente en Radio Negreira.

A súa axuda maiormente, entregaráselle ás familias de Negreira logo do Nadal, unha vez que nestas datas moitas están cubertas coa axuda da Cruz Vermella e da Asociación Amigos de Galicia, xa que a campaña vaise prolongar até o vindeiro día 5 de xaneiro.

Asemesmo, tamén trasladou a necesidade de que as familias que queiran entregar xoguetes en bo estado fágano á asociación.

powered by social2s