ponte2

Unha das grandes eivas históricas nas comunicación viarias de Negreira e a súa comarca, teñen encarrilada unha solución de futuro, tras moitos anos caída no abandono. A Ponte Ínsua, o estreito viaducto sobre o río Tambre, que une Negreira con Brión, ten máis preto a súa ansiada ampliación da plataforma. Cun elevado tráfico diario, na actualidade conta cun ancho de 3,5 metros –un carril- polo que non permite a circulación nos dous sentidos e ten unha limitación de peso para 16 toneladas.

O pasado venres 3 de febreiro, celebrouse na sede da Deputación da Coruña unha importante reunión presidida por Valentín González Formoso, presidente da institución, e mailos alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, e Brión, Pablo Lago Sanmartín, a través dunha solicitude de mellora conxunta dos dous concellos.

Na reunión cos técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, avaliuse cal das distintas opcións expostas no estudo técnico previo realizado sería a máis viable técnica e economicamente para mellorar a seguridade garantindo o tráfico simultáneo nos dous sentidos de circulación, algo que agora non se pode facer, dado que a ponte actual conta cun ancho útil de apenas 3,50 metros.

A este problema súmase a limitación do peso autorizado a 16 toneladas, o que perxudica gravemente ao sector do transporte e obriga a non poder desviar o tráfico pesado da zona monumental do pazo do Cotón, polo que segundo sinalaron os alcaldes, moitos vehículos pesados ou os tractores vense na obriga de dar rodeos de ata 20 quilómetros polas limitacións da ponte.

 

Solución prevista

Para arranxar estas eivas, en primeiro lugar, a Deputación realizará un estudo das características estruturais da ponte, co obxectivo de garantir que a subestrutura actual soporte a actuación prevista, que consistirá na instalación dunha nova plataforma, máis ancha e elevada que a actual.

A anchura total prevista do novo taboleiro da ponte será de 9,80 metros, con carrís en ambos sentidos de 3 metros, beiravías de 0,50 metros, beirarrúa de 1,50 metros e espazos para barreiras de 0,65 metros.

Ademáis de permitir o tráfico seguro nos dous sentidos simultaneamente, as obras habilitarán un paso peonil seguro do que o viaduto carece a día de hoxe.

A actuación suporá un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros e esixiría o recrecido das pilas nuns dous metros aproximadamente, dotándoas dos reforzos necesarios. Nos estribos sería necesario acometer tamén ampliacións laterais para acomodar a nova anchura de 9,80 metros e dotalos de apoios dobres, o que permitiría transferir a torsión acumulada ao longo do taboleiro.

powered by social2s