Hórreos, muíños e pombais

A maior parte dos muíños pertencentes a Negreira atópanse en ruínas exceptuándose os situados en Ponte Maceira os cales se atopan perfectamente restaurados. 

Estes muíños pertencentes á zona de Negreira posúen unha planta cadrada e son de pequeno tamaño. Están clasificados como muíños de parcería ou de partes posto que, neles, cada familia tiña unha quenda de utilización durante un tempo determinado.

Os hórreos que se atopan en Negreira son de tipo maián ou barcalés: hórreos esveltos que combinan pedra e madeira. Doutra banda, tamén existen outros tipos como o “Xalleiro” situados nas parroquias altas do concello. Este tipo de hórreo fórmase unicamente por pedra e empregando perpiaños e cachotería.

Os pombais da zona son de planta circular e atópanse espallados en diferentes puntos. Caben destacar os situados no Pazo de Albariña e o Pazo de Baladrón.