A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.

 

Prazas e destinos

Ofértanse un total de 260 prazas distribuídas do seguinte xeito:

 

•    105 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra.
•    105 na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra), para as persoas solicitantes das provincias de A Coruña e Ourense.
•    50 no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Lugo), para as persoas solicitantes da provincia de Lugo.

 

Datas e servizos

Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2019 e o día 7 de xaneiro de 2020 e comprende os seguintes servizos:


•    Estadía na residencia durante 16 días (15 noites).
•    Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa.
•    Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa.
•    Actividades de animación sociocultural.


A recollida das persoas participantes efectuarase o día 23 de decembro pola tarde e a volta o día 7 de xaneiro despois do almorzo.

 

Persoas beneficiarias

a.    Ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
b.    Estar empadroado nalgún concello galego.
c.    Vivir so no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal.
d.    Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.

 

Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que:


•    Perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos.
•    Teñan máis idade
•    Teñan un menor nivel de ingresos económicos.
•    Non participaran no Programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.

 

Solicitudes

O prazo de presentación será ata o día 15 de novembro incluído, nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira.

 

Prezos

As persoas participantes que teñan uns ingresos inferiores ao IPREM (537,84€/mes), asistirán de forma gratuíta ao programa, mentres que aquelas cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pago da estancia coa achega de 50€.

 

powered by social2s

Continúa por segundo venres consecutivo, o «auténtico» Ciclo de Monólogos, dentro da programación do Outono Cultural do Concello de Negreira, en sesións a partir das 21.00 horas no Auditorio do Centro Sociocultural. Trala xornada inaugural co humorista Isi Rodríguez, este venres 18 de outubro é a quenda de Manuel Manquiña, con entradas a 6 € que podense retirar na Delegación de Cultura e o propio venres na billeteira.

 

«Relatos clásicos de Manquiña» é o título do segundo dos monólogos co inigualable actor e humorista Manuel Manquiña (Airbag), quen será a primeira vez que actúe en Negreira. Comezou a súa carreira profesional en programas humorísticos da Televisión de Galicia (Xabarín Club, Era Visto!, Os vixilantes do Camiño), e en varias películas dirixidas por directores galegos como Antonio Blanco e Xavier Villaverde. O seu salto á fama chegoulle polo seu papel na película Airbag, en 1997 e dirixida por Juanma Bajo Ulloa, con frases xa míticas na historia do cinema nacional.

powered by social2s

Foto Vox

Camiño de Cantares é unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Ciclo de Música Barcia de Mera, co obxectivo de promover o coñecemento e difusión da música vocal na contorna da cultura xacobea, levando concertos a localizacións significativas histórica e artísticamente de todos os roteiros do Camiño de Santiago en Galicia. Todos os concertos son de entrada libre ata completar aforo, xa que está incluido no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e conta co apoio da cooperativa CLUN.

 

O coro de cámara compostelán Vox Stellae, do que forma parte o xoven compositor negreirés, Marcos Mato Collazo, abre os seus concertos de Camiño de Cantares este venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, na Capela do Pazo do Cotón. Precisamente, unha das pezas que soará é obra súa e, vai ser estreada nesta actuación de Voz Stellae, coro de cámara que está dirixido por Luís Martínez, e que interpretará obras de Handl, Brito, Leopolita, Morais, Palestrina, Vitoria ou Benayas nun programa titulado In festo Sancti Jacobi, que reúne composicións realizadas para as solemnidades de Santiago o Maior: a do 25 de xullo, que conmemora o seu martirio, e a do 30 de decembro, que conmemora a translación dos seus restos.

 

Non só se trata de difundir, investigar ou interpretar o xa escrito, senón tamén de estimular a composición contemporánea de música relacionada coa cultura xacobea, é por iso que Camiño de Cantares encargou dúas obras vocais ao xoven compositor galego Marcos Mato, que estrean as agrupacións Vox Organalis e Vox Stellae.

powered by social2s

A caseta de turismo do Concello de Negreira pechou a tempada 2019 este mércores, 15 de outubro. O punto de información turística, situado na avenida de Santiago ao paso do Camiño, pecha a tempada 2019 con 7803 persoas atendidas en arredor de 6 meses, nos que mantivo un horario de apertura de 11 a 14 h e de 16 a 19 h tódolos días.

 

En abril o total de persoas foron 735, cun 54% procedentes do estado español, seguido en importancia por Portugal, Alemaña, Italia e Francia. En maio atendéronse 1045 persoas, cun 32% procedentes do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. En xuño pasaron pola caseta 1381 visitantes, cun 42% do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. En xullo, foron atendidas no punto de información 1182 persoas, das que o 53% ven de territorio español, seguido de Italia, Francia, Alemaña e Irlanda. En agosto, 1608 persoas solicitaron información turística, cun 59% de España, seguido en importancia por Italia, Portugal, Francia e Alemaña. En setembro foron atendidos na caseta de turismo 1301 visitantes, cun 48% de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. Na primeira metade de outubro, 551 persoas recibiron información turística. Cun 45% de España, seguido de Italia, Portugal, Francia e Alemaña.

 

A gran maioría dos visitantes solicitan información sobre o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e piden o selo da credencial; tamén adoitan buscar aloxamento, onde destacan os albergues públicos, información sobre medios de transporte e que ver na nosa contorna, así como determinados servizos.

 

Os países emisores que máis presenza adoitan ter despois de España son Italia, Alemaña e Francia e Portugal, mentres que entre as provincias quen máis nos visitan son Madrid, Barcelona e a propia provincia da Coruña.

 

Preto do 90% das persoas atendidas son peregrinos que chegan a pé facendo o Camiño; o resto de visitantes repártense entre os que fan o Camiño en bicicleta e as persoas que viaxan en medios de transporte a motor, como algunhas excursións de grupos que chegan á vila de Negreira.

 

Por outra banda, o Albergue de Peregrinos de Negreira continúa aberto durante todo o ano, de xeito que a previsión de ocupación para este ano 2019 é a de alcanzar os 5000 peregrinos aloxados. Coma tódolos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, abren tódolos días as súas portas ás 13h e teñen un prezo por persoa de 8 €, establecido pola Xunta de Galicia.

 

powered by social2s

Foto Isi

Humorista, monologuista, actor, reporteiro-entrevistador, presentador, pregoeiro…son algunhas das facetas de José Manuel Rodríguez Puente, coñecido artísticamente por Isi. Este estradense, que é un auténtico showman, protagoniza este venres 11 de outubro, a primeira cita do Ciclo de Monólogos 2019 que continuará nos sucesivos venres do mes de outubro con Manuel Manquiña e Federico Pérez.

 

Isi subirá ao escenario do Auditorio de Negreira este venres, a partir das nove da noite, e as entradas a un prezo de seis euros, poden retirarse na Delegación de Cultura, e o mesmo venres, antes da función na entrada ao Centro Sociocultural.

 

Isi Rodríguez é, un dos humoristas máis queridos e coñecidos de Galicia, grazas ás súas participacións en programas de entretemento da Televisión de Galicia, como SuperMartes, Air Galicia, Land Rober ou Todo queda na casa.

 

Isi, cóntanos a súa vida e historias dun modo cercano, distendido e con toda a súa impresionante capacidade torácica que lle permite falar durante horas sen perder o sentido.

 

Un contahistorias do cotiá capaz de chegar tanto ó público rural como urbano grazas á súa simpatía e cercanía, que lle axudan a converter en éxito calquera festa.

powered by social2s