A orde do 18 de decembro de 2019 da Xunta de Galicia, establece as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2020. (DOG nº 12 do 20/01/2020) BS410A.

 

Persoas beneficiarias

Familias e persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos nados entre o 1.1.2017 e o 31.12.2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2017, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso.

 

Serán igualmente beneficiarias polas fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2017.

 

Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia exclusiva a unha das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido na dita resolución.

 

Enténdese por unidade familiar a formada polo pai e/ou a nai que teña/n a custodia do ou da menor polo que se solicita a axuda e os fillos e fillas da persoa solicitante.

 

En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

 

As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na normativa do IRPF, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

 

Requisitos

• Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que non quede acreditada a dita circunstancia pola presentación do xustificante de empadroamento, poderáselles requirir para que presenten documentación complementaria que o demostre.

• Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.

Os requisitos para ter dereito a esta prestación deberán reunirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

 

Contía da axuda

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

 

• Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

• Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

• Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

 

Documentación

• Solicitude e anexos | Presentación electrónica na sede

 

a. Copia do Libro de Familia ou certificación literal de nacemento do Rexistro Civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

b. Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar (a antigüidade máxima do mesmo será de 6 meses).

c. No caso de nulidade, separación ou divorcio copia da sentenza ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns, acompañada, de ser o caso, do convenio regulador.

d. Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, no suposto de que a súa formalización se realizase noutra comunidade autónoma, de ser o caso.

e. Anexo II cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non figure como solicitante e que forme parte da unidade familiar. De non achegar este documento, deberá xustificarse presentando a documentación que figura na letras c) deste artigo ou certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

 

Lugar de presentación

No departamento de Servizos Sociais Comunitarios.

 

O prazo de presentación é de 35 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Comezará o 21 de xaneiro e rematará o 10 de marzo de 2020 (ambos os dous incluidos).

 

powered by social2s

O presidente da Asociación ¨Los pueblos más bonitos de España¨, Francisco Mestre, entregou hoxe en Fitur, o diploma que acredita que A Ponte Maceira xa forma parte da rede, e que recolleu o o alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, nun acto institucional no que interviu a vicepresidenta da Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, do Goberno de España, Teresa Ribera, xunto coa presentación do vídeo das 15 novas localidades que entraron a formar parte no 2020 da asociación, na que se inclúe como terceiro pobo de Galicia e, o primeiro da provincia da Coruña, á localidade de A Ponte Maceira.

 

Este recoñecemento, que por suposto, dará unha maior visibilidade a esta contorna natural e paisaxística do noso concello, supoñerá unha adecuada sinalización do pobo, ademáis de entrar na guía dos pobos 2020 que se distribúe, en inglés e castelán.

 

A Ponte Maceira sumouse este 2020 a un conxunto de pobos recoñecidos como xoias patrimoniais de España e do que xa forman parte Mondoñedo e Castro Caldelas, polo que a nosa localidade, é xa a terceira de Galicia.

 

O alcalde Manuel Ángel Leis estivo acompañado polo concelleiro de Comercio, Turismo e Industria, Juan Plata Barbazán, e durante a súa visita a Fitur, puido fotagrafarse xunto ao presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez Pérez-Castejón.

 

powered by social2s

O departamento municipal de Servizos Sociais informa sobre as Axudas urxentes de tipo social (Auxs) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión.

 

Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:

 

a.      Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b.      Ser o titular do contrato de subministración eléctrica. (Ás persoas en aluguer asístelles o dereito a solicitaren ser titulares das submnistracións da vivenda alugada)

c.       Ter contratada a tarifa de último recurso (TUR) con aplicación do bono social de consumidor vulnerable severo (desconto do 40 %), para o que deberán cumprir os límites de renda establecidos.

d.      Estar en risco de exclusión social, o que será acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais. InformeSocial_AUXS.pdf

e.      Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

 

Prazo

 O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG (23 de xaneiro) e rematará o 30 de novembro de 2020.

 Máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello de Negreira

powered by social2s

A actuación de unha das mellores orquestras espectáculo en Galicia como é La Fórmula, será a encargada de dar o pistoletazo de saída ás festas de Entroido en Negreira, o venres 21 de febreiro na praza do Concello, cun espectáculo musical e de maxia, de máis de catro horas de duración.

 

En canto á inscrición para participar no desfile-concurso de comparsas, carrozas, grupos pequenos e disfraces individuais ou por parellas, das festas de Entroido 2020 do Concello de Negreira, xa está aberta, a través da descarga na páxina web municipal, da solicitude de participación no desfile que terá lugar na tarde do sábado día 22 de febreiro, con saída a partir das cinco da tarde dende o Campo dá Feira.

 

No concurso repartiránse máis de 5.000 euros en premios, e unha vez rematado o desfile, na praza do Concello, actuará o grupo musical Atenas, durante cuxa actuación entregaránse os premios fallados polo xurado do Entroido.

 

O itinerario do desfile, concentrándose os participantes na chaira do Campo dá Feira; transitará pola Carreira de San Mauro, a rúa da Cachurra, a avenida das Brañas, e as rúas Rosalía de Castro e Castelao, rematando na rúa do Carme (diante da Casa do Concello).

 

 

Attachments:
Download this file (Regulamento.pdf)Máis información
powered by social2s

O Centro Sociocultural acolleu a xornada de formación dos equipos participantes na Fase de Zona da competición do Club de debate 2020 a celebrarse o día 11 de marzo, en Outes, entre os cales atópanse dous equipos do IES Xulián Magariños, así como de Outes, Narón e Ferrol.

 

Os participantes, arredor dun cento de estudantes, foron divididos en tres grupos, atendendo a que cada grupo sexa mixto; é dicir, que estea conformado por alumnado das distintas localidades participantes, distribuíndose a xornada en tres quendas , durante as cales cada grupo rotou polos tres espazos dedicados candanseu bloque de contidos: Regulamento e dinámica do certame; procura de información e construcción do argumentario e, o de habilidades comunicativas.

 

 

Rematadas as rotacións reunironse novamente todos os participantes para realizar un ensaio coa escenificación dun debate e dando por rematada a xornada de formación.

powered by social2s