Baixo a organización da Escola Canina Mascoguau, e coa colaboración do Concello de Negreira, este domingo, día 1 de marzo, celébrase no Campo de fútbol Jesús García Calvo, a cuarta proba da Liga Autonómica de Agility, valedeira para a clasificación para o Campionato de España. A cita comezará a partir das 10:00 horas co seguinte programa:

 

09.30 horas – Entrega de documentación

10.00 horas – Promoción

12.00 horas – Competición

14.00 horas - Iniciación

 

O agility é unha práctica deportiva que está en auxe en Galicia, na que participan cans e persoas, e que consiste en guiar ao can para que percorra un circuito cheo de obstáculos, no menor tempo posible, coa maior precisión e co mínimo número de erros ou faltas.

 

O director da proba será o presidente da Escola Canina Mascoguaou, Jorge Vázquez Álvarez, quen forma parte do Comité Organizador xunto ao presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Díz. O propio Jorge Vázquez será o xuíz da proba na que haberá un total de 86 participantes, cos seus respectivos cans.

 

A xornada de competición divídese en tres categorías: Promoción, para maiores de 18 meses, consistente en dúas mangas de agility; a de competición, mediante unha manga de agility (non se usan as zonas de contacto) e unha manga de jumping que se divide en alturas de 25, 30, 40, 50 e 60 centímetros, e finalmente, a de iniciación, para cans menores de 18 meses ou que estean a empezar no agility, segundo salientou en Radio Negreira 107.0 FM o director da proba, Jorge Vázquez, para quen o máis importante de este deporte «é o importante vinculo existente entre o can e o guía, e que o entendan como un xogo» afirmou.

 

O Agility é unha práctica deportiva que está dentro da disciplina da Federación Galega de Caza, onde calquera clase de can pode practicalo, con independencia da raza, tamaño ou idade, aínda que adoitan ser cans de razas como o border collie ou o shetland, os que maior presenza teñen nos concursos.

 

A proba, que forma parte do calendario da Liga Autonómica de Agility non será a única que acolla Negreira este 2020. De feito, os organizadores xa comunicaron que existe un acordo co Concello para celebrar unha segunda proba o domingo 12 de xullo, coincidindo coas festas de verán na honra a San Cristovo.

powered by social2s

Coas rúas atestadas de xente seguindo un dos desfiles máis numerosos e de maior nivel da última década, o sábado de Entroido, Negreira converteuse nun fervor de persoas chegadas de todos os recunchos para non perderse detalle dun desfile animado polo bo tempo e que foi máis longo do habitual pola presenza de máis dunha vintena de agrupacións.

 

A Rueirada de Exipto, unha espectacular montaxe de máis de cen persoas pertencente á Agrupación Folclórica Ximiela de Louro (Muros), foi a gran triunfadora do concorrido desfile; seguida de Talismán no fondo mariño, de Salceda de Caselas; e Somolodemo....ou non, de Carnavaleiras de Liñaio. En carrozas, o primeiro premio foi parar a David e Goliat, de Os da Troula (Portas), e o segundo foi para Mad Max: Fury road, de As furiosas da Baña. O terceiro recaeu en: Caseta Osborne, de Negreira.

 

O apartado de grupos estivo moi reñido. Levouse o primeiro premio de 250 euros: As sojras adovesidas nas vespas; seguido de Imos de voda, e Escuadrón Mouchao.

 

Resultado do concurso

 

Disfraces:

1) Hansel e Gretel (Lousame)

2) Mr. Bean (Lousame)

3) Cenicienta (Ribeira)

 

Grupos:

1) As sojras adovesidas nas vespas (Landeira)

2) Imos de voda (Ordes)

3) Escuadrón Mouchao (Negreira)

 

Modalidade de comparsas:

1) O Imperio de Nefertiti (Louro-Muros)

2) Talismán no fondo mariño (Salceda de Caselas)

3) Somolodemo......ou non (Carnavaleiras de Liñaio)

4) Maxia Cingara (Noia)

Accésit 1 - Negreira tiene un color especial

Accésit 2 - Os Trasnos da Muiñeira (Camiño - Ordes)

 

Modalidade de carrozas:

1) David e Goliat (Os da Troula - Portas)

2) Mad Max: Fury Road (A Baña)

3) Caseta Osborne (Negreira)

4) Queen for ever by Remolóns (Vilagarcía)

Accésit 1: Talismán no fondo mariño

Accésit 2: A Rueirada de Exipto

 

powered by social2s

O Concello de Negreira, no marco do seu cuarto Plan de Igualdade 2019-2022, realizou catro sesións formativas sobre igualdade de xénero ás que asistiron máis dun cento de traballadores e traballadores. Estas charlas pretenden concienciar aos e ás asistentes, sobre os estereotipos e os condicionantes de xénero que imperan na sociedade e aos que a mulleres teñen que enfrontarse.

 

A estas formacións que se están a celebrar ao longo da presente semana no Centro Sociocultural, acoden traballadores das oficinas municipais, dos distintos departamentos municipais, da brigada de obras, da escola infantil municipal, así como do servizo de limpeza, de axuda a domicilio, da escola de música, de conserxería, ou da Policía Local.

 

A participación foi maioritariamente feminina (57%). Os traballadores e traballadoras poden coñecer máis sobre os principios de igualdade entre o home e a muller, así como concienciarse sobre a situación de desigualdade e de discriminación de xénero na que se atopa a sociedade actual.

 

Dende o goberno municipal afirman que é unha ¨prioridade¨, loitar contra estes estereotipos sociais para mudalos dunha vez e conseguir unha sociedade xusta para todas e todos, sinalan.

 

O Concello pretende continuar con este tipo de accións, organizando obradoiros e charlas tamén noutros ámbitos, como pode ser o educativo.

powered by social2s

A comparsa Talismán, de Salceda de Caselas, con máis de 80 compoñentes e a gran triunfadora na edición de 2019, regresa este sábado para desfilar polas rúas de Negreira no concorrido e participativo desfile de Entroido 2020 que comezará ás 17:00 horas coa saída dende o Campo dá Feira. Este ano con máis de unha ducia de comparsas, sen contar aos grupos de Negreira, Ames, Teo ou Ordes.

 

O desfile transitará pola Carreira de San Mauro, a rúa da Cachurra, a avenida das Brañas, Rosalía de Castro, a rúa de Castelao e maila rúa do Carme, punto e final do desfile.

 

O Concello de Negreira lembra á veciñanza que está prohibido estacionar desde a mañá do sábado na primeira parte da rúa de Castelao, entre o Camiño Vello e Rosalía de Castro, así como en toda a rúa do Carme; para a celebración do desfile.

 

Pistoletazo

Os catro días de festas de Entroido comezan este venres 21 en Negreira, a partir das 11:30 horas, cos desfiles da rapazada do CEIP O Coto polas rúas da vila, así como os nenos e nenas da Escola Infantil Municipal, que farán un percorrido dende a escola ata a Casa do Concello.

 

E ás 22:00 horas comezará a gran festa na Praza do Concello, co extraordinario espectáculo da orquestra La Fórmula, que durante máis de catro horas fará bailar e desfrutar ao público asistente.

 

Desfile

O sábado 22 é o día grande do Entroido. A partir das catro da tarde, as comparsas, carrozas e grupos, comezarán a concentrarse no Campo dá Feira, coa saída, a partir das cinco da tarde. Unha vez rematado o desfile, na Praza do Concello sucederase a actuación do grupo Atenas e maila posterior entrega de premios.

 

Domingo

O gran baile de disfraces para maiores trasládase este ano para a carpa instalada na Praza do Concello, a partir das 19:00 horas, amenizado por un grupo musical e con premios á mellor parella (cea nun restaurante), ao mellor grupo (xantar nun restaurante), e mellor caracterización (un pequeno electrodoméstico).

 

Luns

A festa infantil de disfraces tamén presenta a novidade de celebrarse no pavillón do CEIP O Coto, a partir das 17:00 horas, onde haberá talleres, inchables e música.

powered by social2s

Foto taboleiro

Ao amparo do Regulamento de protección do medio natural, de limpeza pública e recollida de lixo, o Concello de Negreira lembra ás diferentes Asociacións e Empresas adicadas aos servizos funerarios, unha serie de puntos que deben ser do seu interese:

O artigo 7, que fai referencia ás limitacións da publicidade na vía pública e nos equipamentos públicos, di o seguinte:

 

1.- Non está permitido realizar actos de propaganda ou publicidade que comporten o reparto ou lazamento de cartaces, follas ou calquera outro elemento impreso nas vías e espazos públicos ou en calquera cousa ou obxecto que      non sexa nos buzóns interiores dos edificios ou vivendas.

2.- Tampouco está permitido realizar actos de propaganda ou publicidade que comporten pegar, prender ou pendurar cartaces, facer pintadas e pór folletos nas fachadas dos edificios públicos ou no mobiliario e no equipamento urbano (por exemplo, en farolas, marquesiñas, árbores, etc...). A tal efecto, o Concello habilitou espazos para a colocación da propaganda ou publicidade.

 

E para dar cumprimento a esta normativa, o Concello de Negreira lembra que na Vila existen taboleiros habilitados a tales efectos. Para o bo uso dos mesmos e a boa convivencia entre os interesados en facer publicacións, recoméndase usar o tamaño de folla A4. Igualmente, comunícase que en cada parroquia existe un taboleiro, pero que se van a incrementar para dar a maior cobertura posible.
Por outra banda, cómpre lembrar que se considerará responsable das infraccións por incumprimento do establecido no Regulamento a quen promova ou xestione, o acto obxecto da regulación, ou ás entidades a prol das que se faga publicidade.

 

No mesmo sentido, o Capítulo V do Regulamento, recolle o procedemento sancionador por actos contra o mesmo, recordando que a denuncia por incumprimento pode ser iniciada de oficio, ou a petición de calquera persoa que denuncie ante o Concello, o non cumprimento das obrigas establecidas no devandito Regulamento.

 

powered by social2s