broken peach foto

Este sábado día 4 de xullo terá lugar a primeira actuación musical do Verán Cultural 2020. A partir das 22:00 estará na praza das Brañas o grupo vigués Broken Peach, coñecido polas súas versións de rock, soul, funk, pop, etc.

 

Composto por catro voces femeninas e unha banda musical con guitarrista, baixista e batería, o coro leva once anos amenizando todo tipo de eventos e espectáculos dentro e fora das nosas fronteiras.

 

A súa especialidade é facer súas as cancións que versionan e acompañalas de perfomances, disfraces e interaccións co público. Este concerto será a primeira vez que actúen en directo dende o 7 de marzo, e o formato terá as medidas de seguridade acordes á normativa sanitaria vixente.

 

A meirande parte do público estará sentada en sillas separadas entre si, para garantir a distancia social, e tamén haberá un espazo destinado a estar de pe, procurando sempre que non haxa aglomeracións e apelando á responsabilidade da veciñanza.

powered by social2s

O Concello de Negreira convoca unha xuntanza informativa para tratar sobre a situación actual do parque eólico de Alvite, o xoves día 9 de xullo, ás 21:30 horas, no Local Social de Pesadoira.

 

Recoméndase a asistencia de só unha persoa por domicilio, e sempre usando máscara.

powered by social2s

Deputa

O Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña vén de convocar aos titulares dos terreos afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade vial, na DP 5602 de Negreira a Pontenafonso, ao pago de depósitos previos polo proceso de expropiación, os días 14 e 15 de xullo, en horario de 16:00 a 19:00 horas, na entrada ao Centro Sociocultural, con acceso dende a avenida de Santiago.

 

A ampliación e mellora da estrada provincial cara Pontenafonso, no treito entre o punto quilométrico 6,105 ao 8,63, vai dende Liñaio, en continuación do primeiro treito de seis quilómetros que xa foi ampliado pola Deputación, ata a ponte de Barbazán, na parroquia de Lueiro. Trátase dun dos proxectos máis importantes e demandados longamente pola veciñanza da conca dereita do río Tambre para melloralas comunicacións coa capital do concello e da comarca de Barcala.

 

Lémbrase que é necesario acudir con máscara de protección.

powered by social2s

Informámos que por motivos legais non se pode executar o desconto no prezo da entrada diaria á piscina municipal do parque do Coto, polo que o prezo da entrada continúa sendo o de 1 € para toda a tempada de verán que se vai prolongar ata o día 15 de setembro.

 

O horario de apertura da instalación será de 10 a 14 horas polas mañás, a partir do mércores 8 de xullo cando comezan os cursos de natación, de luns a venres. Polas tardes, a piscina municipal abre no seu horario habitual, de 16 a 20.30 horas, de luns a domingo.

powered by social2s

DSC 0334

Este mécores 1 de xullo comeza a tempada da piscina municipal ao aire libre do parque do Coto, cuxo horario de apertura é de 10 a 14 horas, e de 16 a 20:30 horas, de luns a domingo. Para o bo uso das instalacións e seguindo as recomendacións sanitarias derivadas da pandemia da Covid19, este verán o aforo estará restrinxido e o custo da entrada é de 1 € sen que exista a posibilidade de retirar abonos.

 

O aforo máximo de entrada ao recinto é de 300 persoas. O aforo máximo do vaso da piscina grande é de 113 persoas, e o do vaso da piscina pequena, de 18 persoas. O aforo máximo nos vestiarios e aseos será de 3 persoas ao mesmo tempo.

 

Unha das principais normas é que será obrigatorio manter as distancias de seguridade en todo o recinto, xa que a colocación das toallas estará marcada con conos no chan. E como medida preventiva, este ano non haberá servizo de préstamo de gorros.

 

Resto de normas
- É obrigatorio o uso de chanclas, evitando o posible contaxio de fungos.
- É obrigatorio ducharse antes de meterse na auga, e recoméndase facelo ao sair da auga para eliminar o cloro.
- É obrigatorio o uso de gorro (de latex, lycra, etc...), pola hixiene dos bañistas e pola limpeza da piscina. Non se prestarán gorros.
- Prohíbese entrar na zona de baño con calzado de rúa, e usar roupa interior por debaixo do bañador.
- Prohíbese correr polo borde da piscina, empurrar e pelexar dentro das instalacións.
- Prohíbese saltar de cabeza ao auga en calquera parte da piscina.
- Prohíbese comer, beber e fumar na zona reservada aos bañistas.
- Prohibido abandonar desperdicios nas instalacións da piscina, debendo empregar as papeleiras destinadas a tal efecto.
- Prohíbese a entrada de animais nas instalacións, agás cans guía.
- No caso de incumprimento das normas aquí expostas, o persoal terá a potestade de expulsar aos infractores das normas.

powered by social2s