luarnalubre

O Nicrarock e a Noite Folk aprázanse para o 2021

A Delegación de Cultura e Deportes do Concello de Negreira, debido a situación sanitaria da Covid-19, vese na obriga de cancelar as dúas principais actividades musicais do programa Verán Cultural coma son os festivais Nicrarock, no mes de xullo e, a Noite Folk, en agosto.

 

A difícil situación que atravesamos, impide levar a cabo con garantías dous eventos cun gran número de asistentes nos ultimos anos, polo que despois de valorar todas as posibilidades, e despois dun exercicio de responsabilidade e sentido común, tomouse a decisión de adiar ata o 2021 os dous festivais.

 

Sabedores da difícil situación que atravesa o sector cultural, e en concreto o musical, esgotáronse todos os prazos e baralláronse distintos escenarios, chegando a conclusión de que non se podía garantir estes dous eventos nas mellores condicións.

 

Para apoiar aos grupos, comprometémonos en manter as actuacións confirmadas nesta edición para o 2021.

 

Nicrarock

Este festival que con protagonismo dos grupos galegos tiña para este ano, un cartel de luxo con SÉS, MONOLIOUS DOP E GRILO, prometía una xornada festiva no mes de xullo co selo 100% en galego.

 

Noite Folk

Despois do rotundo éxito da pasada edición, o Concello de Negreira apostaba forte por este festival coa presenza de Luar na Lubre, Treixadura e TNT.

 

O Refuxio de pescadores de Covas, terá que agardar ao vindeiro ano para desfrutar das mellores formacións do país.

 

O Concello de Negreira agradece a comprensión da veciñanza e do público, e tratará de programar para os meses estivais actividades cun formato máis pequeno que garanta actuacións coas debidas medidas sanitarias.

 

Confiamos en que o ano que vén se poidan celebrar con normalidade estes dous referentes musicais da comarca.

powered by social2s

F 1 cauces negreira

A Consellería de Infraestructuras e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar os traballos de limpeza nos leitos fluviais dos treitos interurbanos do río Barcala e mailo rego de Duomes, tal e como solicitoulle o Concello de Negreira, nun tramo de tres quilómetros de lonxitude, que coincide co percorrido fluvial polas parroquias de Cobas e Negreira.

 

Esta acción enmárcase no programa de mantemento e conservación que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico da bacía Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Centro.

 

A principal actuación consiste na retirada das numerosas árbores caídas aos cauces fluviais e que en moitos casos foron arrastradas pola forza da auga durante os pasados invernos.

powered by social2s

F 1

Os servizos ao público da Casa da Cultura continúan pechados, agás a devolución de libros na Biblioteca municipal que dende este luns 25 e ata o venres 29 de maio habilitou, con medidas de hixiene e seguridade, a devolución dos libros prestados para poñer en corentena (14 días). O horario é de 10 a 14 horas, e de 16 a 21 horas.

 

Infórmase, que dende o luns día 1 de xuño comezará a funcionar o servizo de préstamo de libros «solicitándolle os títulos ao persoal da biblioteca».


Polo de agora, non están en servizo as actividades de estudo-lectura en sala, nin tampouco o acceso á biblioteca.

powered by social2s

loito oficial negreira

O Concello de Negreira súmase ao loito oficial polas persoas falecidas como consecuencia da pandemia da Covid-19, decretado polo Goberno de España, amosando o noso máis sincero respeto. Este loito oficial polas vítimas da pandemia comeza hoxe e vaise prolongar ata a medianoite do vindeiro día 6 de xuño.


Por este motivo, as bandeiras oficiais da Casa do Concello e maila Casa da Cultura, continuarán ondeando a media asta en sinal de loito, mentres que hoxe 27 de maio, ao mediodía, gardouse un minuto de silencio decretado a nivel nacional, en memoria e lembranza de todas as vítimas da pandemia sanitaria, e coa participación do alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, así como concelleiros e concelleiras da Corporación, axentes da Policía Local e traballadores municipais.

powered by social2s

Ponte

Comprácenos informar que mediante resolución do pasado 14 de maio de 2020, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura e Turismo, vén de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), a ponte de A Pontemaceira sobre o río Tambre, entre os termos municipais de Negreira e Ames, coa categoría de monumento e nivel de protección integral.

 

A resolución recolle que se catalogue o conxunto de bens inmobles recollidos do seu conxunto monumental e aplicar de forma inmediata e provisoria, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os inmobles referidos en correspondencia coa clasificación e niveis de protección propostos.

 

Dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), de hoxe luns 25 de maio, ábrese un periodo de información pública durante un prazo dun mes, a contar desde o martes 26 de maio, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideran conveniente. Apúntase, que o expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses (24) desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisorio establecidos.


Antecedentes
Devandita solicitude fora formulada polos Concellos de Negreira e Ames con data do 16 de novembro de 2017. Nun informe elaborado polo arquitecto municipal Alfredo Varela e mailo técnico Iván Cernadas, describen a ponte e o conxunto da súa contorna. A ponte é de feitura medieval refeita durante o século XVIII, sendo esencial nas rutas de comunicación entre Santiago e as terras occidentais. Algúns autores describen unha orixe romana da ponte , que é, en calquera caso, un punto central de acontecementos de relevancia histórica, como as loitas entre o poder eclesiástico dos Fonseca e os Condes de Traba, xa que neste lugar linaban as fronteiras dos seus territorios.

 

Patrimonio pon de manifesto, tamén, que a su fábrica e dimensións destacan no ámbito das pontes medievais de Galicia, tanto pola súa lonxitude como polo equilibrio das súas formas, cun amplo arco apuntado central e dous arcos de medio punto a cada lado. Así mesmo, o lugar de A Pontemaceira, a cada un dos lados da ponte, mantén unhas condicións de conservación e de variedade de construccións de residencias e adxectivas tradicionais, con catro muiños, catro pombais e máis de vinte hórreos tradicionais en bo estado de conservación.

 

A Pontemaceira é na actualidade, un fito singular da paisaxe de Galicia, que centraliza todo un conxunto de valor cultural e que é o paso dunha vía histórica e do propio territorio do Camiño de Santiago, que posúe un amplo recoñecemento social polos seus valores culturais.


Enlace Diario Oficial de Galicia

powered by social2s