A caseta de turismo do Concello de Negreira pechou a tempada 2019 este mércores, 15 de outubro. O punto de información turística, situado na avenida de Santiago ao paso do Camiño, pecha a tempada 2019 con 7803 persoas atendidas en arredor de 6 meses, nos que mantivo un horario de apertura de 11 a 14 h e de 16 a 19 h tódolos días.

 

En abril o total de persoas foron 735, cun 54% procedentes do estado español, seguido en importancia por Portugal, Alemaña, Italia e Francia. En maio atendéronse 1045 persoas, cun 32% procedentes do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. En xuño pasaron pola caseta 1381 visitantes, cun 42% do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. En xullo, foron atendidas no punto de información 1182 persoas, das que o 53% ven de territorio español, seguido de Italia, Francia, Alemaña e Irlanda. En agosto, 1608 persoas solicitaron información turística, cun 59% de España, seguido en importancia por Italia, Portugal, Francia e Alemaña. En setembro foron atendidos na caseta de turismo 1301 visitantes, cun 48% de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal. Na primeira metade de outubro, 551 persoas recibiron información turística. Cun 45% de España, seguido de Italia, Portugal, Francia e Alemaña.

 

A gran maioría dos visitantes solicitan información sobre o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e piden o selo da credencial; tamén adoitan buscar aloxamento, onde destacan os albergues públicos, información sobre medios de transporte e que ver na nosa contorna, así como determinados servizos.

 

Os países emisores que máis presenza adoitan ter despois de España son Italia, Alemaña e Francia e Portugal, mentres que entre as provincias quen máis nos visitan son Madrid, Barcelona e a propia provincia da Coruña.

 

Preto do 90% das persoas atendidas son peregrinos que chegan a pé facendo o Camiño; o resto de visitantes repártense entre os que fan o Camiño en bicicleta e as persoas que viaxan en medios de transporte a motor, como algunhas excursións de grupos que chegan á vila de Negreira.

 

Por outra banda, o Albergue de Peregrinos de Negreira continúa aberto durante todo o ano, de xeito que a previsión de ocupación para este ano 2019 é a de alcanzar os 5000 peregrinos aloxados. Coma tódolos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, abren tódolos días as súas portas ás 13h e teñen un prezo por persoa de 8 €, establecido pola Xunta de Galicia.

 

powered by social2s

Foto Vox

Camiño de Cantares é unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Ciclo de Música Barcia de Mera, co obxectivo de promover o coñecemento e difusión da música vocal na contorna da cultura xacobea, levando concertos a localizacións significativas histórica e artísticamente de todos os roteiros do Camiño de Santiago en Galicia. Todos os concertos son de entrada libre ata completar aforo, xa que está incluido no programa O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, e conta co apoio da cooperativa CLUN.

 

O coro de cámara compostelán Vox Stellae, do que forma parte o xoven compositor negreirés, Marcos Mato Collazo, abre os seus concertos de Camiño de Cantares este venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, na Capela do Pazo do Cotón. Precisamente, unha das pezas que soará é obra súa e, vai ser estreada nesta actuación de Voz Stellae, coro de cámara que está dirixido por Luís Martínez, e que interpretará obras de Handl, Brito, Leopolita, Morais, Palestrina, Vitoria ou Benayas nun programa titulado In festo Sancti Jacobi, que reúne composicións realizadas para as solemnidades de Santiago o Maior: a do 25 de xullo, que conmemora o seu martirio, e a do 30 de decembro, que conmemora a translación dos seus restos.

 

Non só se trata de difundir, investigar ou interpretar o xa escrito, senón tamén de estimular a composición contemporánea de música relacionada coa cultura xacobea, é por iso que Camiño de Cantares encargou dúas obras vocais ao xoven compositor galego Marcos Mato, que estrean as agrupacións Vox Organalis e Vox Stellae.

powered by social2s

itv ciclo

Informámos que a Unidade Móbil 7 de Inspección Técnica de Ciclomotores desplazarase ao concello de Negreira na seguinte data e ubicación:

 

- O mércores 13 de novembro. De 9:00 a 13:30 horas
- Ubicación: Campo da feira

 

Para solicitar cita previa:
- Por teléfono: 902 30 90 00
- A través da web: www.sycitv.com – Cita previa

 

A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operación de inspección regulamentarias.

powered by social2s

Foto Isi

Humorista, monologuista, actor, reporteiro-entrevistador, presentador, pregoeiro…son algunhas das facetas de José Manuel Rodríguez Puente, coñecido artísticamente por Isi. Este estradense, que é un auténtico showman, protagoniza este venres 11 de outubro, a primeira cita do Ciclo de Monólogos 2019 que continuará nos sucesivos venres do mes de outubro con Manuel Manquiña e Federico Pérez.

 

Isi subirá ao escenario do Auditorio de Negreira este venres, a partir das nove da noite, e as entradas a un prezo de seis euros, poden retirarse na Delegación de Cultura, e o mesmo venres, antes da función na entrada ao Centro Sociocultural.

 

Isi Rodríguez é, un dos humoristas máis queridos e coñecidos de Galicia, grazas ás súas participacións en programas de entretemento da Televisión de Galicia, como SuperMartes, Air Galicia, Land Rober ou Todo queda na casa.

 

Isi, cóntanos a súa vida e historias dun modo cercano, distendido e con toda a súa impresionante capacidade torácica que lle permite falar durante horas sen perder o sentido.

 

Un contahistorias do cotiá capaz de chegar tanto ó público rural como urbano grazas á súa simpatía e cercanía, que lle axudan a converter en éxito calquera festa.

powered by social2s

DSC 2803

Santa Comba, Negreira, A Baña e Val do Dubra preparan a posta en marcha do seu segundo obradoiro de emprego neste 2019 tralo inicio esta semana o taller Xóvenes 2019 no que participan sete mozos e mozas, menores de 30 anos, de Negreira, nas especialidades de agricultura ecolóxica e animación físico-deportiva, cuxa sede atópase no concello de Val do Dubra, cun período formativo e de traballo de seis meses.

 

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, participou este xoves no acto de apertura do primeiro dos dous obradoiros, en Bembibre, xunto co resto de alcaldes e mailo delegado territorial da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro e o xefe territorial, Isidoro Martínez.

 

Mellora2019 é o segundo Obradoiro de emprego, cuxa sede estará en Santa Comba, sendo o concello promotor, e formará a 20 persoas desempregadas durante nove meses.

 

Os módulos formativos son: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, de nivel 1 e, o de instalación de elementos de carpintería de nivel 2.

 

As persoas beneficiarias son maiores de dezaoito anos demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego, solicitando a participación en Obradoiros de Emprego, que carezan de ocupación e estean dispoñibles para o emprego.

 

Máis información na Axencia de Desenvolvemento Local do Concello de Negreira.

powered by social2s