O presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso, estivo hoxe en Negreira, acompañado polo alcalde nicrariense, Manuel Ángel leis Míguez, onde explicou os detalles da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, desenvolvida en colaboración coa Universidade de A Coruña, que contén 4,5 millóns de datos sobre os equipamentos municipais.

 

 Un total de 260,6 quilómetros de estradas atravesan Negreira, mentras que Brión conta con 34 instalacións deportivas, e en Ames hai un total de 16.135 vivendas das cales 3.745 están desocupadas. Pola súa banda, no concello de A Baña se sitúan 12 centros cívicos e unha biblioteca. Son algúns exemplos dos datos que xa están dispoñibles a través da web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL).

 

 As novidades desta nova versión da enquisa, que constitúe o repertorio máis completo das infraestruturas e servizos locais dos concellos da provincia, foron presentadas hoxe en Negreira polo presidente provincial, Valentín González Formoso, aos representantes municipais de concellos da contorna como A Baña, Santa Comba ou Noia.

 

 Valentín González Formoso definiu a EIEL coma unha "completa radiografía dos equipamentos dos concellos de menos de 50.000 habitantes" e destacou o seu “especial interese e utilidade” para os alcaldes, posto que pon a disposición multitude de datos útiles “para o deseño das políticas e a planificación de obras e investimentos tanto dos concellos como da propia Deputación".

 

Formoso anunciou que a sétima actualización da enquisa, na que a Deputación está traballando en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), estará completada este verán e "catalogará un extenso inventario de máis de 4,5 millóns de datos".

 

powered by social2s