libroslibres3.jpgA área de Cultura da Deputación da Coruña animará á lectura coa entrega esta fin de semana de 5.000 libros en trinta concellos dentro da campaña “Libros para sermos libres”. En Negreira, o reparto de libros desenvolverase ás 12 horas do domingo na Feira. Coa iniciativa conmemórase o Día Internacional do Libro como cada 23 de abril.

 

Conmemórase así, a xornada festiva con esta primeira fase dunha campaña que se prolongará nos vindeiros dous anos até compretarse a totalidade dos 93 concellos coa entrega de 15.000 exemplares dos fondos da Deputación.

 

«Trátase dunha iniciativa pioneira que quere visibilizar o libro e promover a lectura na poboación, aproveitando a celebración dunha data que se conmemora en todo o mundo», segundo explicou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín.

 

Os libros con que se agasallará á veciñanza dos distintos concellos proveñen dos fondos da Deputación da Coruña e son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista.

 

Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como “Cousas” de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.

 

Nesta primeira fase, que terá continuidade nos dous anos seguintes, incluiranse na distribución obras de narrativa, ensaio ou poesía. Entre os títulos de poesía atópanse obras gañadoras ou finalistas do González Garcés de autores como Ramiro Fonte ou Helena Villar Janeiro.

 

Obras de narrativa gañadoras do Torrente Ballester como A choiva do mundo de Xosé Manuel Pacho Blanco ou teatrais do Rafael Dieste como Final de película de Gustavo Pernas ou A ciencia dos anxos de Inma Antonio xúntanse a outras de ensaio e investigación como o clásico Alfarería tradicional en Buño de Luciano García Alén ou de banda deseñada como Mensaxes de Mariano Casas.

0
0
0
s2sdefault