treixadura.jpgO grupo de música tradicional Treixadura, estará presente na XV Noite Folk de Negreira, o sábado 19 de agosto na Área Recreativa do Refuxio de Cobas, nunha edición especial co gallo de cumprirse os 15 anos do emblemático festival de música tradicional barcalés, onde o Concello de Negreira aposta por unha formación das máis importantes no eido da música de raíz en Galicia, con máis de 25 anos nos escearios e con seis discos no mercado, compartindo co público o poder e a forza do canto colectivo.

 

Acompañando a este grupo tamén actuará Uxia Senlle e o grupo Tiruleque.

 

Uxía Senlle e grupo

 

Uxía é considerada a grande dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fado e ritmos brasileiros. Desde a súa estrea con  Foliada de marzo  en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, e creou o seu repertorio a través das suas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu, como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris.

 

Publicou 12 discos, recibindo importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio da Crítica Galicia 2016 ou o Premio a Mellor álbum de música de raíz nos Premios de la música independiente de España por Meu canto, seleccionado tamén como Top of the World pola revista británica Songlines. Entre outros proxectos, é a directora artística e alma mater do Festival Internacional da Lusofonía, Cantos na maré.

 

Tiruleque

 

Na primavera de 2002 nace como proxecto Tiruleque, consecuencia das inquedanzas musicais de cinco rapaces, todos eles chegados do mundo da música tradicional.Bebendo nas fontes desa tradición musical galega -tanto a través de recollidas como recurrindo aos cancioneiros- pero tendo tamén presentes outras moitas influencias, o grupo tenta fuxir de “etiquetas” que limiten a súa capacidade creativa, sentíndose simplemente identificado co termo “música galega” nun intento de clasificar o seu estilo.

 

Neste aspeito, a máxima de Tiruleque é acadar o seu propio son, identificable tanto en temas tradicionais como nas composicións propias, campo polo que o grupo mostra unha maior predilección.

0
0
0
s2sdefault