Nevaradas.jpgDiante das dúbidas suscitadas entre a comunidade educativa, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Xunta de Galicia, decidiu aclarar o sentido da medida sobre a suspensión de transporte escolar en 173 concellos, entre eles, o de Negreira.

 

O transporte de entrada aos centros educativos está suspendido a partir das 12,00 horas en determinadas zonas, dado que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) declara un fenómeno adverso meteorolóxico a partir das 12 do mediodía do mércores día 22 de marzo.

 

A prioridade en cada unha destas decisións é a seguridade e salvagarda do alumnado.

 

A suspensión do transporte escolar afecta dende o momento en que se declaran circunstancias meteorolóxicas adversas pola AEMET, polo que non haberá transporte de recollida do alumnado hoxe a mediodía nin, no seu caso, transporte de tarde.

 

Diante desta circunstancia, as familias elixirán recoller ao alumnado mediante medios de transporte non colectivos, ou non enviar ao alumnado ao centro educativo. A decisión de suspender o transporte de regreso baséase na situación de risco existente para o transporte colectivo, en función da predición meteorolóxica comunicada polo organismo con competencias sobre a materia, a AEMET.

 

Os centros educativos, dado que non existe suspensión da actividade lectiva, permanecerán abertos durante toda a xornada lectiva.

 

Salvo que se comunique o contrario por cambio nas predicións meteorolóxicas, o xoves día 23 de marzo, non haberá transporte de entrada aos centros educativos, polo que o alumnado, para as familias que o desexen, deberá acceder aos centros en transporte non colectivo. Dado que o adverso meteorolóxico finaliza o día 23 ás 12,00 horas do mediodía, si existirá transporte de regreso desde os centros educativos.

 

A Consellería quere aclarar que noutras ocasións suspendeuse o transporte de entrada e saída dado que a comunicación das circunstancias meteorolóxicas adversas iniciáronse antes do comezo das clases.

 

A Consellería quere poñer de manifesto que o transporte en vehículos colectivos supón un risco maior que noutro tipo de vehículos, polo que adopta a decisión de suspender o transporte escolar co fin de garantir a seguridade do alumnado.

powered by social2s