O departamento municipal de Servizos Sociais informa da apertura do prazo para solicitar a participación na convocatoria de 600 prazas para estadías e tratamentos termais dentro do programa de Benestar en Balnearios 2017, segundo publicou o Diario Oficial de Galicia número nº 53 do 16/3/2017. En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

Folleto informativo

Quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV

 

Persoas beneficiarias

 

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:

a.      Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b.      Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c.       Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as  que acudan en calidade de acompañantes.

d.      Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e.      Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f.       Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

Acompañantes

A persoa solicitante poderá ir acompañada de:

1.      O seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa cal teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) 

2.      Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos agás o da letra a).

3.      Unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos.

As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Duración e servizos ofertados

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as 12:00 h. do día de chegada ata as 12:00 h. do día de saída, e desenvolveranse entre o mes de abril e o de decembro de 2017

Servizos:

a.      Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.

b.      Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:

 - Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.

 - Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.

 - Seguimento médico do tratamento.

c.       Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.

d.      Póliza colectiva de seguro turístico.

O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.

As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houber dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarse á quenda.

A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo.

Prezo

O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda para cada balneario, é o que figura no anexo IV.

Documentación

Solicitude anexo I e os anexos II e III  |  Presentación electrónica na sede

a.      Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se fose o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b.      Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

c.       Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, de non ser expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.

d.      Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

Para a tramitación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas sinalados no art.8.

Prazo presentación de solicitudes

Vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Ata o 17 de abril de 2017.

Lugar de presentación

·       Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

 

·      Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do  procedemento administrativo común.

 

Máis información Servizos Sociais do Concello de Negreira.

0
0
0
s2sdefault