O Concello de Nigrán acolle este venres 17 de marzo un acto en que sete novos concellos formalizarán a súa participación no proxecto Apego, de socialización da infancia en galego, que se amplía así a trinta municipios.

 

Alcaldesas, alcaldes, concelleiros/as e persoal técnico dos concellos participantes, entre eles, o de Negreira, acoden á Casa do Concello de Nigrán no acto de sinatura da addenda ao programa Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego que se puxo en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos, que vai medrando ano a ano, e que chegará neste 2017 a ser desenvolvido en 30 municipios.

 

As novas entidades que se incorporan a este programa de dinamización lingüística cooperativo son O Carballiño, Cee, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Sada e Vilagarcía de Arousa, e súmanse así a Ames, A Baña, Carballo, Carnota, Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo.

 

Despois dos dous primeiros anos de vida deste proxecto dirixido a poñerlles en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitárllela con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse sete aos 23 concellos que o están a desenvolver.

 

Deste xeito, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

 

Avaliación positiva

 

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas –xa están adheridas formalmente arredor de 2.000–, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

 

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos.

 

Para o proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través do programa, facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos, etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc. Ademais de facilitar materias, a través do programa tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades, nuns casos formativas e máis dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros, etc.), e noutros casos máis de dinamización, dirixidas tamén aos nenos e ás nenas (concertos, contacontos, teatro, etc.).

 

Neste 2017 deseñaranse e desenvolveranse novas accións no marco deste programa.

 

Prema eiquí para coñecer máis sobre o programa:

www.apego.gal

www.facebook.com/apego.gal/

powered by social2s