O DAC-Outono Cultural, o programa de espectáculos que desenvolve a Deputación da Coruña para achegar as figuras de Castelao, Irmandades da Fala e Manuel María a un público de todas as idades en 18 concellos da provincia, botou a andar onte domingo coa estrea do "Menú da Fala", de Carlos Blanco e Luís Davíla", no Auditorio de Negreira, cunha gran acollida por parte do público de tódalas idades, quenes disfrutaron dun espectáculo único, con reiterados aplausos e sen parar de rir.

 

Á estrea asistiu a vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, quen estivo acompañada polo alcalde negreirés, Jorge Tuñas Caamaño e maila concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas.

 

O Menú da Fala, que o propio Carlos Blanco definiu coma unha homenaxe en clave de humor á nosa língua é un dos espectáculos máis ambiciosos de toda a programación e na que participan numerosos artistas de recoñecido prestixio en Galicia, como Carlos Blanco e Luís Davíla, dous piares básicos no eido do humor narrado e do humor gráfico, respeitivamente.

 

Nesta xira ambos crean novo material e adaptan outros xa existentes para crear un espectáculo único, amosando a súa incrible capacidade para faceren rir, adaptarse, integrar e facer humor con selo e calidade de país.

 

Dezaoito concellos

 

Esta iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña que se desenvolverá en 18 concellos cabeceira de comarca nos meses de novembro e decembro para difundir as figuras e efemérides culturais que se conmemoran no ano 2016 en Galicia: Manuel María (Día das Letras Galegas), Irmandades da Fala (Centenario) e Alfonso Daniel Rodríguez, Castelao (Ano Castelao Artista).

 

O programa inclúe catro espectáculos escénicos de primeiro nivel que se desenvolverán tamén en Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Cee, Melide, Muros, Narón, Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Padrón, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo.

 

Segundo sinalou Goretti Sanmartín na presentación do programa, estamos ante un proxecto co obxectivo de «divulgar o legado cultural destes tres eixos da nosa cultura, de maneira especial, ás novas xeracións, con espectáculos e linguaxes contemporáneas».

powered by social2s