O proxecto Apego, vén de ampliar horizontes. Impulsado pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL), nel, dende a firma do convenio de colaboración en marzo do 2015, participaban até o de agora os concellos de A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo.

 

Este sábado, no Centro Ágora de A Coruña, rubricouse a adhesión de once novos municipios: Ponteceso, Vimianzo, A Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Rianxo, Ribadeo e Teo. Serán así 23 concellos e as actividades, cun amplo seguimento e éxito, chegarán a máis dun milleiro de habitantes.

O programa Apego está centrado na promoción e a transmisión da lingua galega aos máis pequenos. Na xornada do sábado actuaron Xabier Díaz e Guillerme Díaz, nun acto que contou coa asistencia do alcalde do Concello de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, e maila concelleira de Educación, María Jesús Veiga Hortas, xunto coa técnica de Normalización Lingüística da Agrupación A Baña-Negreira, Carme Pereiro.

powered by social2s