O Concello de Negreira pechou onte un acordo unánime da Corporación municipal (Partido Socialista, Partido Popular e Cidadáns), para solicitar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo, a concesión de dous obradoiros de emprego, así como un plan integral para o emprego, de maneira conxunta cos concellos de A Baña, Val do Dubra e Santa Comba, que sobre todo van centrados na formación de mozos.

O primeiro dos obradoiros vai enfocado aos mozos e mozas adscritos ó programa de Garantía Xuvenil, e entre as modalidades solicitadas está a de xardineiría e limpezas forestais. O seu promotor é o Concello de Santa Comba.

O segundo dos obradoiros sería promovido polo Concello de Val do Dubra, aínda que neste non participaría Santa Comba e non tería un perfil xuvenil, senón que estaría aberto a desempregados de calquera idade, a partir dos 18 anos.

Por último, e tamén por unanimidade, aprobouse unha ratificación do Decreto de Alcaldía nº 8/2016, do 15 de xaneiro, relativo ó Plan de Obras e Servizos (POS 2016), e maila aprobación, de bonificación na cota tributaria do ICIO nun 95% a favor da Asociación de veciños San Eutelo de Logrosa, polas obras de limpeza e melloras no interior da igrexa parroquial de Santa Baia.

powered by social2s