Achéganse as festas de Santa Margarida cuns días ateigados de propostas no noso Concello.

Mañá celebrarase a XI edición do Día da Bicicleta, que arrincará ás 10h da mañá dende a explanada xunto ao instituto. A esa hora concentraranse as persoas participantes. Sairán primeiro os máis pequenos, que lle darán ao pedal durante 1,2 quilómetros, e despois, ás 11h, os adultos, con 10 quilómetros.

Pola tade, máis deporte, co torneo de baloncesto que vai haber no parque do Coto a partir das 16:30. Nel enfrontaranse os equipos de benxamíns de Negreira e Porto do Son, de cadete feminino do Pio XII e do Porto do Son e de cadete masculino do Rosalía de Castro e do Porto do Son.

Despois, cita importante co humor co espectáculo 'Dous no Camiño' da man de Isabel Risco e Fran Rei. Trátase dunha montaxe para todos os públicos que foi creada especificamente para a programación do Xacobeo Vive o Camiño 2017. Poderase ver ás 20h na explanada que hai xunto ao instituto.

Tamén mañá nova proxección de cine na rúa, co filme Os Minions na praza das Brañas ás 22:30h.

Alí, o domingo pola mañá inaugurarase a nova pista de petanca, coa celebración dun torneo a partir das 10h. Nel participarán xogadores de Negreira, así como do C. P. Ensino, do C.P. A Bandeira e da selección galega.

Xa pola tarde, Festival de Bandas ás 18h na praza do Concello, coas bandas de Boiro, de Brión e a Ateneo de Negreira. Pola noite toca verbena a cargo da orquestra New York, xunto coa disco móbil EME Music e o Dj Marcos Magán.

O luns a charanga Os Celtas poralle música ás rúas ao longo da mañá. Ás 12 do mediodía haberá misa solemne na honra de Santa Margarida na igrexa parroquial. Deseguido, sesión vermú cos Celtas e o Trío Alborada, que repite pola noite amenizando a verbena que lle porá o broche final a estas celebracións.

powered by social2s