feriarronamico2017_310817.jpgEste venres, 1 de setembro, arrinca a XI Feira do Románico de Negreira con múltiples propostas que inclúen representacións teatrais, obradoiros infantís, exhibicións de cetrería, animación de rúa e espectáculos musicais, ademais do tradicional mercado medieval.

 

A contorna da Carreira de San Mauro e do Pazo do Cotón acollerá este evento, cun programa de actividades que dará comezo o venres arredor das 18h. Ese primeiro día haberá músicos e bufóns percorrendo a feira, unha exhibición de voio e un espectáculo de acrobacia e lume.

 

A inauguración oficial por parte das autoridadades e da corporación local será o sábado ás 12 do mediodía. Nesa xornada principal volverá haber animación de rúa e exhibicións de cetrería xa dende pola mañá, así como obradoiros infantís. Para as 13:30h está prevista unha representación teatral da man da Escola de Teatro de Negreira na zona da praza do Cotón, coa peza 'A lenda de Xenoveva e Barbante'.

 

 As actividades continúan pola tarde e pola noite, destacando un espectáculo de lume ás 23h e outro pirotécnico á medianoite, seguido dun concerto do grupo Wyrdamur.

 

Xa o domingo actuarán grupos coma Os Monifates, que se suman ás intervencións musicais dos Gascones, Losinfuste, Fire Dragons e Wyrdamur, presentes durante  os tres días de feira. A cita pecharase cun novo espectáculo da Troula Animación, que desta volta substitúe o seu 'Errantes' pola proposta 'Subumbra'.

 

Pódese consultar o programa completo na seguin ligazón:

Folleto XI Feira do Románico

 

Cortes de tráfico

Lembramos que con motivo desta celebración o tráfico estará cortado na zona da Carreira de San Mauro xa dende o xoves pola tarde e ata o domingo á noite.

powered by social2s