O Concello de Negreira colabora coa campaña solidaria #súmatedoasangue.

 

En apoio á Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS), dende o consistorio nicrariense impúlsase a participación nas campañas de doazón de sangue, que no verán se atopan con maiores dificultades. Así, procúrase sensibilizar da importancia deste acto solidario e tratar de garantir unha participación axeitada para cubrir as necesidades dos hospitais. 

 

Nos vindeiros días o Concello distribuirá unha carta informativa entre a veciñanza para solicitar a súa colaboración. Recordamos que poden doar sangue as persoas entre 18 e 65 anos que pesen máis de 50 quilos. Na nosa vila poerán facelo o martes, 8 de agosto, cando unha unidade móbil de doazón de sangue estará situada diante do Centro de Saúde en horario de 9.30 a 14.30 e 16.00 a 21.00 horas. Nese día, ademais, persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen antes de levar a cabo a doazón.

 

Os hospitais galegos precisan preto de 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes. Negreira acadou 64 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2016 e o obxectivo é manter a participación nas cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes).

 

Dende o Concello de Negreira faise un agradecemento especial ás persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. 

powered by social2s