A Corporación Municipal de Negreira celebrará unha sesión extraordinaria do Pleno municipal, o luns día 17 de xullo, a partir das 20:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, conforme á seguinte Orde do día:
- Primeiro.- Toma de posesión do Concelleiro electo don José Antonio Villar Caamaño.
- Segundo.- Dar conta da constitución dos Grupos Políticos Municipais.
- Terceiro.- Creación e composición das Comisións Informativas Permanentes e designación de representantes da Corporación en órganos colexiados.
- Cuarto.- Dar conta das resolucións de Alcaldía sobre o nomeamento de Tenentes de Alcalde e membros da Xunta de Goberno Local, delegacións e creación da Concellerías de Área.
- Quinto.- Establecemento de réximes de especial dedicación: réxime de dedicación exclusiva para o cargo da Alcaldía e réxime de dedicación parcial para o cargo da Concellería delegada de Servizos Sociais, Muller e Igualdade.
O Alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, en nome da Corporación Municipal do Concello de Negreira, quere expresar as máis profundas condolencias e o fondo pesar polo triste pasamento de José Baña Blanco, veciño da parroquia de Alvite e quen fora concelleiro da Corporación formando parte do goberno local presidido por José Manuel López Tuñas, entre os anos 1987 e 1995, así como de 1995 a 1999 sendo concelleiro do PSOE na oposición.
O Concello de Negreira comunica que gardará un minuto de silencio na súa memoria, na vindeira sesión plenaria da Corporación, ao tempo que quere mostrar o seu pésame a familiares e achegados, por tan triste perda dunha persoa moi vencellada con Negreira, tanto na vida municipal como a través da súa forte vinculación co activismo agrario a través do sindicato Unións Agrarias de Galicia.
Informámos que está aberto o prazo de inscrición para a Sección da Escola Oficial de Idiomas, en Negreira, situada no instituto Xulián Magariños.
A oferta inclúe: cursos de inglés de todos os niveis desde o A1 (principiantes) ao C1 (avanzado). Este ano, como novidade, haberá un curso centrado na práctica de destrezas orais (nivel B2).
A preinscrición para alumnado novo remata o domingo día 9 de xullo, e pode realizarse a través da ligazón: www.eoidigital.com/preinsxunta
Toda a información está dispoñible na web da escola: www.eoisantiago.org ou, no correo-e: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
A vila de Negreira vive as súas grandes festas do verán, do xoves 6 ao domingo 9 de xullo, en distintos escenarios do pobo e cunha variada oferta lúdica que vai dende a presenza da afamada orquestra Panorama, conbsiderada a mellor orquestra de España, o xoves pola noite, pasando pola concorrida procesión motorizada de San Cristovo e o xantar de confraternidade no refuxio de Cobas, o sábado ao mediodía; as dúas probas da Liga Autonómica de Agility, no campo de fútbol Jesús García Calvo, e unha gran oferta de atraccións e un mercado, na rúa de Castelao.
Xoves 6 de xullo
Sesión de noite coa orquestra Panorama e a Disco móbil CDC
Venres 7
Sesión de noite coa orquestra Charleston Big Band e mailo grupo Eureka
Sábado 8
Pasacalles co grupo de gaitas Catalibre
Concentración de vehículos ás 11:30h. no Campo da Feira
Misa cantada na capela do Cotón ás 12:00h.
Procesión motorizada a partir das 13:30h.
A partir das 15:30h. proba da Liga Autonómica de Agility no campo de fútbol Jesús García Calvo.
Sesión de noite coa orquestra Gran Parada e co grupo Fussion Revolution
Domingo 9
A partir das 9:30. Proba da Liga Autonómica de Agility no campo de fútbol Jesús García Calvo
Ás 20:00h. Concerto na Praza do Concello da Banda de Música Ateneo de Negreira
A Escola Municipal de Música de Negreira (EMMN), presenta o horario das materias grupais do curso 2023-2024 e os días en que están na escola os profesores de instrumento para as clases individuais. Como novidade para o vindeiro curso, contaremos cun novo conxunto, de Combo de música moderna.
O horario exacto das clases de instrumento darase o venres, día 15 de setembro, ás 18:00 horas, sendo a data fixada para a presentación do curso no auditorio da Casa da Cultura.
Matrícula
O prazo para renovar a matrícula comprende dende o 23 de xuño ao 6 de xullo de 2023. E para o novo alumnado, vai dende o 7 de xullo ata o 8 de setembro de 2023. De forma presencial no Rexistro Xeral do Concello, ou de forma telemática, a través da sede electrónica do Concello de Negreira.
Página 13 de 257