A Deputación da Coruña achegará a Negreira, a mostra itinerante Xigantes, onde estará entre o 4 e mailo 29 de outubro. A exposición Xigantes: Os petroleiros de Astano 1964-1982, está organizada cos fondos da Fundación Exponav de Ferrol. Con ela preténdese dar a coñecer en toda provincia a importancia do Museo da Construción Naval de Ferrol, o máis importante de España no seu ámbito, e mostrar o traballo feito nos estaleiros ferroláns entre os anos 60 e 80.

A itinerancia da mostra comezou o pasado 4 de xullo no concello de Laxe, para percorrer logo os de Muxía, Ribeira, Muros, Corcubión, Negreira, Cariño, Oroso, Betanzos, Arteixo, As Pontes e Rianxo, onde rematará o ciclo en febreiro de 2018.

 

Historia naval ferrolá

A exposición permitirá ao público coñecer en profundidade como foi o proceso de construción dos grandes buques petroleiros que forman parte da historia naval da comarca de Ferrol como o Al Andalus, Texaco, Arteaga, Carthagonova, Mónica María ou o Ocean Park. Xigantes de aceiro , algúns deles con máis de 300 metros de eslora, construídos por encargo dalgunhas das principais compañías petroleiras de transporte marítimo do mundo no momento de maior esplendor da construción naval da nosa provincia, que converteu á comarca ferrolá nun punto de referencia industrial do país.

 

Grandes dimensións

Dadas as grandes dimensións da mostra orixinal, que xa se exhibiu na sede de Exponav e en Fene, disporase dun mínimo de paneis que se exhibirán en todos os concellos que participan no ciclo e dunha serie de paneis complementarios que se habilitarán só naqueles recintos que conten con maior espazo expositivo.

 

Tamén se mostrarán un mínimo de dúas maquetas dos buques por exposición , documentos, pezas dos barcos e dous vídeos que explicarán polo miúdo os procesos de construción destes “xigantes do mar”.

 

powered by social2s