A emisora municipal Radio Negreira vén de recuperar no día de hoxe as súas emisións regulares no 107.0 da Frecuencia Modulada, logo de cinco días de interrupción forzosa, a consecuencia dos graves desperfectos causados polo forte temporal que azoutou Galicia na madrugada do pasado venres 3 de febreiro, dentro do conxunto do denominado coma «tren de borrascas atlánticas» que deixounos ventos furacanados de máis de 130 quilómetros por hora en terra.

 

Os fortes refachos de vento derrubaron a torre de comunicacións sita no cumio dos montes da Pena, obrigando a ter que efectuar traballos técnicos de urxencia en canto as condicións climatolóxicas o permitisen, garantindo a seguridade dos operarios polas extremas condicións de tempo rexistradas na zona durante a pasada fin de semana e aínda nos primeiros días da presente semana.

 

Con todo, a emisora municipal continuou coa súa emisión online por Internet, xunto coa elaboración de Informativos diarios ca foron emitidos ás 14:00 e ás 20:00 horas dende o pasado luns 6 de febreiro. Informativos que tamén estiveron a disposición da veciñanza na páxina en Facebook de Radio Negreira.

 

Pavillón de Pedra Mámoa

 

O Concello de Negreira tamén puido subsanar os danos rexistrados na cuberta do Pavillón Polideportivo de Pedra Mámoa, ao quedar afectadas tres planchas do cumio e que foron sustituidas polos operarios municipais na xornada do pasado luns, permitindo que este martes 7 de febreiro, a instalación municipal puidese recuperar con normalidade a súa actividade.

powered by social2s