Os Concellos de Negreira, Ames e Teo, presentan un total de nove equipos de estudantes, que cursan estudos de educación secundaria e bacharelato, á quinta edición do Club de Debate, cuxa fase clasificatoria de zona celébrase este venres 8 de abril, no Auditorio de Negreira.

 

 Esta iniciativa busca traballar na mocidade conceptos como a comunicación, a oratoria, a tolerancia e o pensamento crítico, ao tempo que fomenta o uso oral lingua en contextos formais e informais.

Galicia pode vivir do sector primario, vai selo tema sobre o que debaterán os equipos de escolares que participen este ano na fase clasificatoria de zona do Club de Debate. Oitenta estudantes de institutos dos tres concellos participan nesta fase que por vez primeira ten lugar no noso concello.

O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que nesta edición participan once concellos: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Leva xa cinco cursos organizándose de xeito cooperativo e coordinado entre varios concellos e cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

Antes da fase clasificatoria de zona do Club de Debate, realizouse  unha xornada formativa para todo o alumando participante que tivo lugar a finais do pasado mes de xaneiro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Nela participaron todos os equipos anotados de Ames, Teo e Negreira.

Esta é unha das zonas con maior participación no certame, xa que se presentan 9 equipos, formados por un total de 80 estudantes e 7 profesoras e profesores. De Ames participan 6 equipos (1 do IES do Milladoiro e 5 do IES Plurilingüe de Ames, situado en Bertamiráns), 2 equipos do IES Xulián Magariños de Negreira e 1 equipo do IES de Cacheiras de Teo.

Xornada de formación práctica

A actividade desenvolvida en xaneiro centrouse en formar e preparar os equipos para o certame en técnicas de expresión oral e habilidades sociais e comunicativas. Tamén se deron a coñecer as normas, tempos, estrutura… da dinámica de funcionamento do certame, co obxectivo de favorecer a posta en situación por parte dos equipos participantes. A maiores diso, abordáronse técnicas de busca de información, preparación de argumentos e roles, posicionamentos a favor e en contra...

A xornada de rematou cunha simulación de debate por equipos. Nesa simulación, os equipos prepararon en pouco tempo e defenderon nun animado debate argumentos a favor e en contra sobre a idoneidade ou non dos deberes escolares.

Os dous equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán, xunto cos gañadores das outras zonas, na fase final do Club de Debate, a cal terá lugar o vindeiro día 30 de abril, en Pontevedra. O tema da final galega será: En galego, hai un mundo de cousas boas.

powered by social2s