Dada a confusión detectada en torno ao que debería ser a correcta xestión das máscaras desbotables, unha vez convertidas en residuos, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), vén de lanzar unha campaña baixo o título: “Non enmascares a túa responsabilidade: as máscaras desbotables, ao contedor da fracción resto”. Está integrada por un vídeo que explica cómo debe actuar a cidadanía para evitar que os novos residuos derivados da pandemia da Covid-19 (máscaras, toalliñas desbotables, guantes,…), acaben abandonados na contorna natural.

 

O correcto uso dos elementos de protección individual fronte ao novo virus faise indispensable para evitar, ou alomenos minimizar, a propagación dunha pandemia que, ademais de constituír unha seria ameaza para nosa saúde e economía, alterou substancialmente a nosa forma de vida.

 

- Tomar conciencia da situación faranos máis cautelosos e precavidos. Debemos protexernos a nós mesmos e axudar á protección dos demais.

 

- O consumo responsable cobra de novo protagonismo e, como alternativa ás máscaras hixiénicas dun só uso, recoméndase as reutilizables (de especificación UNE 0065), que propician en boa medida a redución de residuos.

 

 - En caso de optar polas máscaras desbotables, unha vez esgotada a súa vida útil deben depositarse no contedor verde convencional, en bolsa pechada, xunto coa fracción resto (bolsa negra). En Sogama, a parte non reciclable do lixo valorízase enerxeticamente, e con todos os controis ambientais, a temperaturas superiores a 850ºC, permitindo deste xeito a destrución de axentes nocivos. Mesmo percorrido seguen as luvas de usar e tirar, confeccionadas habitualmente con vinilo, vitrilo, polietileno ou látex.

 

 - As máscaras desbotables constitúen un dos novos residuos hixiénico- sanitarios que acaban abandonados na natureza. A maioría están fabricadas con polipropileno non tecido (un tipo de plástico), polo que o seu negativo impacto na contorna non ofrece dúbida.

 

 - Unha máscara hixiénica común tarda entre 300 e 400 anos en degradarse no medio natural. E nese intervalo de tempo pode afectar aos ecosistemas de distintas formas.

 

 - Estar vixiante no correcto uso das máscaras conforme ás instrucións das autoridades competentes en cada momento e xestionalas correctamente unha vez convertidas en refugallos, resulta esencial. Baixo ningún concepto poden arroxarse á vía pública ou ao medio natural, toda vez que constitúen un foco de contaminación.

 

Pola súa banda, o destino dos envases de xel hidroalcohólico debe ser o contedor amarelo para propiciar a súa separación na planta de clasificación de Sogama e posterior envío ao correspondente centro reciclador.

 

Imponse o rigor desde a dimensión hixiénica. Completemos a protección co lavado frecuente de mans, evitemos tocarnos a cara e manteñamos a distancia de seguridade con outras persoas.

 

Xestión das máscaras desbotables from Sogama on Vimeo.

 

powered by social2s