Ponte

Comprácenos informar que mediante resolución do pasado 14 de maio de 2020, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura e Turismo, vén de incoar o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), a ponte de A Pontemaceira sobre o río Tambre, entre os termos municipais de Negreira e Ames, coa categoría de monumento e nivel de protección integral.

 

A resolución recolle que se catalogue o conxunto de bens inmobles recollidos do seu conxunto monumental e aplicar de forma inmediata e provisoria, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os inmobles referidos en correspondencia coa clasificación e niveis de protección propostos.

 

Dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), de hoxe luns 25 de maio, ábrese un periodo de información pública durante un prazo dun mes, a contar desde o martes 26 de maio, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideran conveniente. Apúntase, que o expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses (24) desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisorio establecidos.


Antecedentes
Devandita solicitude fora formulada polos Concellos de Negreira e Ames con data do 16 de novembro de 2017. Nun informe elaborado polo arquitecto municipal Alfredo Varela e mailo técnico Iván Cernadas, describen a ponte e o conxunto da súa contorna. A ponte é de feitura medieval refeita durante o século XVIII, sendo esencial nas rutas de comunicación entre Santiago e as terras occidentais. Algúns autores describen unha orixe romana da ponte , que é, en calquera caso, un punto central de acontecementos de relevancia histórica, como as loitas entre o poder eclesiástico dos Fonseca e os Condes de Traba, xa que neste lugar linaban as fronteiras dos seus territorios.

 

Patrimonio pon de manifesto, tamén, que a su fábrica e dimensións destacan no ámbito das pontes medievais de Galicia, tanto pola súa lonxitude como polo equilibrio das súas formas, cun amplo arco apuntado central e dous arcos de medio punto a cada lado. Así mesmo, o lugar de A Pontemaceira, a cada un dos lados da ponte, mantén unhas condicións de conservación e de variedade de construccións de residencias e adxectivas tradicionais, con catro muiños, catro pombais e máis de vinte hórreos tradicionais en bo estado de conservación.

 

A Pontemaceira é na actualidade, un fito singular da paisaxe de Galicia, que centraliza todo un conxunto de valor cultural e que é o paso dunha vía histórica e do propio territorio do Camiño de Santiago, que posúe un amplo recoñecemento social polos seus valores culturais.


Enlace Diario Oficial de Galicia

powered by social2s