Baixo a organización da Escola Canina Mascoguau, e coa colaboración do Concello de Negreira, este domingo, día 1 de marzo, celébrase no Campo de fútbol Jesús García Calvo, a cuarta proba da Liga Autonómica de Agility, valedeira para a clasificación para o Campionato de España. A cita comezará a partir das 10:00 horas co seguinte programa:

 

09.30 horas – Entrega de documentación

10.00 horas – Promoción

12.00 horas – Competición

14.00 horas - Iniciación

 

O agility é unha práctica deportiva que está en auxe en Galicia, na que participan cans e persoas, e que consiste en guiar ao can para que percorra un circuito cheo de obstáculos, no menor tempo posible, coa maior precisión e co mínimo número de erros ou faltas.

 

O director da proba será o presidente da Escola Canina Mascoguaou, Jorge Vázquez Álvarez, quen forma parte do Comité Organizador xunto ao presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira Díz. O propio Jorge Vázquez será o xuíz da proba na que haberá un total de 86 participantes, cos seus respectivos cans.

 

A xornada de competición divídese en tres categorías: Promoción, para maiores de 18 meses, consistente en dúas mangas de agility; a de competición, mediante unha manga de agility (non se usan as zonas de contacto) e unha manga de jumping que se divide en alturas de 25, 30, 40, 50 e 60 centímetros, e finalmente, a de iniciación, para cans menores de 18 meses ou que estean a empezar no agility, segundo salientou en Radio Negreira 107.0 FM o director da proba, Jorge Vázquez, para quen o máis importante de este deporte «é o importante vinculo existente entre o can e o guía, e que o entendan como un xogo» afirmou.

 

O Agility é unha práctica deportiva que está dentro da disciplina da Federación Galega de Caza, onde calquera clase de can pode practicalo, con independencia da raza, tamaño ou idade, aínda que adoitan ser cans de razas como o border collie ou o shetland, os que maior presenza teñen nos concursos.

 

A proba, que forma parte do calendario da Liga Autonómica de Agility non será a única que acolla Negreira este 2020. De feito, os organizadores xa comunicaron que existe un acordo co Concello para celebrar unha segunda proba o domingo 12 de xullo, coincidindo coas festas de verán na honra a San Cristovo.

powered by social2s