20190803131211 IMG 0428 Negreira

O sábado 3 de agosto de 2019 tivo lugar a primeira das rutas programadas no Verán no Tambre 2019, que organizan os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña.

 

Un total de 53 persoas gozaron da paisaxe e do patrimonio natural, arquitectónico e etnográfico de Negreira nos 15,5 Km de ruta guiadas polo persoal da área de turismo. Ás 09:00 horas partimos do campo da feira, onde atopamos o Pazo do Cotón e a Capela de San Amaro, divididos pola carreira de San Amaro, antigo Camiño real, e ao mesmo tempo unidos pola tripla arcada que sostén a galería superior.

 

O camiño lévanos polo paseo fluvial do río Barcala, variante alternativa moi recomendable para os peregrinos que saen de Negreira cara Fisterra e Muxía. O Barcala, un dos principais afluentes do río Tambre, condúcenos ao refuxio de Covas, histórico lugar de refuxio para os pescadores que se achegaban ao lugar, e hoxe convertido nunha paraxe única para desconectar do mundo urbano. Saímos do río Barcala para achegarnos ao Albariña e pasar polo complexo lúdico-deportivo de Pedra Mámoa, bordeamos os límites entre A Baña e Negreira e entramos na subida ao monte Bergando, principal desnivel de toda a ruta.

 

Despois de chegar á zona máis elevada do traxecto, comezamos a descender cara a pequena aldea de Fontemirón, ollamos ao lonxe Portor e continuamos a baixar por unha carballeira de lendas e historias ata chegar a Ponte Maceira. O Pazo de Balandrón, a Ponte Vella, a capela de San Brais, os muíños, cruceiros, hórreos e pombais e, en xeral, todo o conxunto histórico artístico que forma este núcleo namora aos visitantes de por vida.

 

A continuación, seguimos o Camiño ao paso dos peregrinos que nos leva cara a Barca e Chancela para atopar o Pazo de Albariña co seu impoñente recinto; entremos na vila de Negreira e rematamos a xornada coa sombra das árbores do paseo da Restreva ata o lugar de inicio.

 

O programa Verán no Tambre 2019 completarase coas rutas do Remuíño, o 10 de agosto dende Portomouro (Val do Dubra), e da Ribeira do Tambre, o 17 de agosto dende a área recreativa de Fiopáns (A Baña).

0
0
0
s2sdefault