gala19portada.jpgA xoven saltadora Alba Cuns Iglesias, do Club Atletismo Negreira, foi recoñecida como mellor deportista do ano 2018 na oitava Gala do Deporte ¨Concello de Negreira¨, celebrada o pasado venres noite, no Auditorio do Centro Sociocultural, na que exerceu de madriña do evento, a atleta internacional con España, Lidia Parada Santos, catro veces campioa de España absoluta de lanzamento de xavelina, natural da Pobra do Caramiñal, e adestrada por Abelardo Moure, que estivo acompañandoa en Negreira.

 

albagala.jpg

 

Alba Cuns foi unha das grandes protagonistas da velada. Aos seus 14 anos mellorou as marcas como cadete que tiña a crac mundial do triplo salto, a galega Ana Peleteiro, ademais de proclamarse recentemente como campioa galega absoluta en pista cuberta do triplo salto. Recolleu o seu recoñecemento de mans do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, e maila propia Lidia Parada.

 

Lidia animou a Alba, a cumprir os seus soños e traballar duro de cara á cita de marzo en Sabadell co Campionato de España Sub 16. Con todo, a sorpresa da gala chegou en forma de mensaxe gravada en vídeo por Ana Peleteiro para Alba, no que foi sen dúbida un dos momentos máis emocionantes da gala.

 

lidiagala.jpg

 

Promesas

 

Os mellores deportistas promesas foron dous karatecas da Escola Akai Ryu: Nicolás Carnota, campión galego en kumite alevín, e medalla de bronce na Liga Nacional, así como terceiro no ranking nacional da súa categoría, e Le Zhou, subcampioa galega en kata infantil. Ambolos dous forman parte da Selección Galega Infantil. Os seus galardóns fóronlles entregados por Manuel Ángel Leis Míguez, primeiro tenente de alcalde, e Daniel Casal Leis, concelleiro de Deportes.

 

O galardón ao mellor equipo de Negreira en 2018 foi para o conxunto infantil da Escola de Ximnasia Rítmica como campioas do Campionato Interescolas de Galicia, preparado por María Fernández, cuxo recoñecemento foille entregado pola concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas.

 ximnasigala.jpg

 

En canto ao premio ao mellor colaborador co deporte foi nesta ocasión para a firma local Comercial Gran Vía, que cumpre cincoenta anos, pola súa contribución a clubes e eventos deportivos do municipio ao longo da súa traxectoria, séndolle entregado por María del Mar García Vidal, concelleira de Emprego e Muller, e que recolleron os irmáns Manuel e Paula Liñares Alfonso, fillos do fundador Manuel Liñares Rey.

 

Outro dos momentos importantes da gala foi o da entrega do premio á mellor traxectoria deportiva. José Manuel Freire ¨Carballo¨, ex futbolista da SD Negreira e que chegou a xogar no Compostela na Segunda División B, así como no Flavia e no Bergantiños, e que actualmente adestra ao Negreira Veteranos, recibiu este galardón de mans da directiva da Federación Galega de Fútbol e responsable da Subdelegación da Costa da Morte, Silvia Cancela Blanco.

 

Tamén se recoñeceu a traxectoria da Asociación Deportiva Nicrariense (ADN), comparecendo o seu equipo feminino de fútbol, o primeiro creado no concello, xunto co seu presidente, Luis Damián Arán. Cada ano entrégase un recoñecemento pola antigüidade aos clubes de Negreira.

 

Á gala asistiron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos e mailo delegado da mesma en Santiago, Iván Sanmartín; a directiva da Federación Galega de Fútbol, Silvia Cancela Blanco, ou o directivo da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Castelao, entre outras personalidades do mundo do deporte en Galicia.

 

Xunto á entrega de premios, o público que ateigou o Auditorio de Negreira puido disfrutar das actuacións do malabarista Jesús Fourniers, un dos grandes especialistas a nivel nacional e, do grupo de percusión Píscore, avalado polos seus amenos directos e premios a nivel nacional.

powered by social2s