casetas290817.jpgO Concello de Negreira vén de proceder a distribuír os espazos dispoñibles para que as diferentes persoas e entidades que o solicitaron poidan montar un posto ou cantina na XI Feira do Románico.

 

Desta volta, tan só se conta con catro casetas do pazo do Cotón, que serán utilizadas pola Asociación Cultural Afonso Eanes, a Comisión de Festas de Aro, a SD Negreira e a agrupación local do BNG. Pola súa banda, tamén disporán dun espazo na rúa a Asociación de Amas de Casa, a Comisión de Festas de Viceso e o Agrón CF.

 

Tal e como indicou o alcalde na reunión celebrada este luns, á hora do reparto déuselle prioridade ás asociacións fronte aos particulares. Ademais, tívose en conta a data de solicitude, a antigüidade en canto a participación na feira e a vontade colaborativa co Concello ao longo do ano.

 

No encontro insistiuse no cumprimento dos horarios de apertura, especialmente o venres pola tarde, para evitar que haxa postos aínda sen montar cando xa comezou a feira. Así mesmo, ao proceder á lectura de normas, recordouse entre outras cuestións que tanto os postos como as persoas que traballan neles deben seguir unhas pautas estéticas acordes coa recreación histórica na que se basea esta festa. 

 

A XI Feira do Románico arrincará este venres a partir das seis da tarde con postos de artesanía, representacións teatrais, exhibicións de cetrería e música durante de toda a fin de semana.

 

Máis sobre a XI Feira do Romanico.

powered by social2s